Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará este venres a primeira achega do Plan Concellos 2019 para Agolada de preto de 250.000 euros

Este ano a institución provincial pon á disposición de Agolada ao través do Plan Concellos un total de 528.044,96 euros, un 2,95 % máis que no 2018


05 febreiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación o próximo venres pola Xunta de Goberno da Deputación do primeiro investimento para Agolada con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019. En concreto, serán 248.573,37 euros cos que a vila poderá financiar a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de asfalto e formigón. Este ano a institución provincial pon á disposición de Agolada ao través do Plan un total de 528.044,96 euros, un 2,95 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, os camiños onde se vai actuar son Marcelín, Cacharenzo, Orrea-Vilariño, Orrea-Cima da Vila, Baíña-Brandariz, Sa a O Sexo, Vilariño-Vilariño, Vilariño-Velpellos, Santa Comba-Quintenla, Carmoega-Santandré, Brantega-San Lourenzo, Agolada-1, Agolada-2, Gurgueiro e Brocos. As obras contemplan a mellora e mantemento destes camiños cuxo firme está en mal estado debido a idade, ao clima e ao tráfico agrícola. As actuacións que se van realizar implican o reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas, e tamén o mantemento tanto do firme existente como das marxes, mediante escarificación e compactacións, arranxo de fochas, tratamentos superficiais, limpeza e perfilado de cunetas para a recollida de augas.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 366.251,39 euros, o Concello de Agolada tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 46.920,14 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 114.873,43 euros da Liña 3 de emprego cos que o Concello pode financiar a contratación de 17 traballadoras e traballadores para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio do 2018.