Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba preto de 85.000 euros para Gondomar ao abeiro do Plan Concellos

Con esta achega aprobada en Xunta de Goberno, Gondomar, chega ao 86,23 % do Plan Concellos 2017, con máis de 800.000 euros concedidos


11 decembro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou unha nova achega para o Concello de Gondomar por valor de 84.706,21 euros. Con este novo investimento poderá levar a cabo o aparcadoiro no mercado de abastos e na súa contorna. Con esta achega, Gondomar xa ten aprobado o 86,23% do Plan Concellos 2017, isto é, xa recibiu 811.211,74 euros do preto dun millón que lle corresponde este ano, case un 8 % máis que no 2016.

Anteriormente, ao abeiro do Plan Concellos 2017, puido mercar unha rozadoira de brazo lateral e un vehículo para a concellería de vías e Obras e o departamento de Benestar Social, construír a pasarela peonil na contorna do mercado de abastos, levar a cabo actuacións de seguridade viaria e reparación de camiños así como actuacións nas vías de Igrexa e San Martiño en Borreiros.

Ademais destas actuacións, encadradas na liña 1 de Investimentos, a Deputación de Pontevedra tamén destinou 73.409,57 €, na liña 2, para actuacións como a aula de teatro, Gondoverán, carreiras, obradoiros, a II Gala do Deporte, o vídeo de promoción turística do concello, o 400 aniversario do conde de Gondomar, o programa de cinema, festas e cursos formativos. Ademais, a institución provincial tamén aprobou 211.000,67 euros para a contratación de 21 persoas para garantir a correcta prestación dos servizos municipais no concello.

Coa suma desta nova achega, Gondomar xa recibiu da Deputación de Pontevedra o 86,23 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 811.211,74 euros dun total de 940.746,04 euros.

Así, a Deputación de Pontevedra leva xa aprobadas achegas na provincia por valor de máis de 40,5 millóns de euros, é dicir, o 97,5 % do plan.