Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba o expediente para contratar a asistencia técnica educativa de "Depoaventura A Lanzada 2018"

"Depoaventura A Lanzada 2018" oferta este ano 2.200 prazas dirixidas a nenos e nenas entre 8 e 13 anos, 300 delas gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social


02 febreiro 2018
Depoaventura A Lanzada 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do Servizo de asistencia técnica educativa para "Depoaventura A Lanzada 2018", o programa de lecer para o verán da institución provincial destinado a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 8 e 13 anos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que este ano "Depoaventura A Lanzada oferta 2.200 prazas para nenas e nenos nados entre o 2005 e 2010 e empadroados nos distintos concellos da provincia co obxectivo de achegarlles actividades lúdico-educativas, culturais, deportivas e formativas que contribúan ao seu enriquecemento persoal e adquisición de habilidades sociais, así como ao coñecemento de espazos de interese fora da súa contorna habitual". Silva tamén adiantou que "ao igual que fixemos desde que chegamos ao Goberno, das 2.200 prazas imos ofertar 300 gratuítas, que serán subvencionadas ao 100 % pola Deputación, para nenas e nenos en situación ou risco de exclusión social".

A principal novidade deste ano, segundo explicou a presidenta da Deputación, "e para dar resposta ao compromiso adquirido trala vaga de lumes de outubro do ano pasado de introducir nos nosos proxectos actividades de formación e educación ambiental, imos impulsar en cada unha das quendas de "Depoaventura A Lanzada", unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e prevención dos lumes".

Carmela Silva tamén explicou os requirimentos que deben cumprir as empresas que opten ao contrato para a asistencia técnica do programa, ao que a Deputación de Pontevedra destina 160.000 euros. Neste eido, Silva destacou que "deberán presentar un proxecto lúdico-educativo orientado á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente".

Ademais, na súa programación, as empresas tamén teñen que ter previsto a organización dunha visita á Illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza. Tamén, ao igual que aconteceu o ano pasado por primeira vez, deberán impulsar actividades en lingua inglesa co obxectivo de mellorar o seu dominio do idioma nun contexto de lecer. Ao respecto, Silva manifestou que "o idioma inglés ten que estar presente no desenvolvemento das actividades de "Depoaventura A Lanzada" porque queremos que as nosas nenas e os nosos nenos sexan máis competitivos e, hoxe en día, para ser competitivos o inglés é fundamental".

Para este verán, a Deputación de Pontevedra contempla a organización de 11 quendas, con 200 prazas cada unha, coa finalidade de dar cabida na Lanzada a 2.200 nenas e nenos. A primeira quenda terá lugar do 24 ao 30 de xuño e as seguintes do 1 ao 7 de xullo, do 8 ao 14 de xullo, do 15 ao 21 de xullo, do 22 ao 28 de xullo, do 29 de xullo ao 4 de agosto, do 5 ao 11 de agosto, do 12 ao 18 de agosto, do 19 ao 25 de agosto, do 26 de agosto ao 1 de setembro e do 2 ao 8 de setembro.