Noticias

O goberno de Carmela Silva aproba novos investimentos por máis de 83.000 euros para A Estrada ao abeiro do Plan Concellos 2017

Con esta nova aprobación A Estrada leva recibidos xa máis de 1,3 millóns de euros, é dicir, o 85,2% do orzamento que lle corresponde á vila no marco do Plan Concellos


30 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou unha nova axuda para o Concello da Estrada ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017 de investimentos. Deste xeito, a institución provincial achegará a cantidade total de 83.490 euros para a adquisición de marquesiñas para a vila.

Con estas novas achegas a Deputación de Pontevedra xa investiu nela 1.332.996,32 euros, é dicir, o 85,2% do total do Plan Concellos 2017 que este ano lle corresponde á Estrada ao abeiro do plan. Xa recibira 565.453,92 euros para a pavimentación de vías no concello, tamén na liña 1 de investimentos, 64.432,5 euros para a adquisición de soportes para colectores, 54.450 euros para a adquisición de colectores, 51.655,52 euros para a pavimentación de vías urbanas e 9.075 euros para a merca de paneis informativos. Xunto a estas actuacións, a institución provincial tamén aprobou destinar 198.000 euros para actividades diversas na Estrada como a Festa Cabalar de Pascua e San Martiño, as escolas deportivas municipais, os torneos 3x3 das Festas de San Paio, as marcas cicloturistas BTT Rapa das Bestas e Salmón, a XLVI Festa do Salmón, o conservatorio profesional de música, o Año ao Espeto, a Cabalgata de Reis, así como a Festa da Bicicleta e os programas "Outono no Principal", "Ruralizarte", "Campus de verán" ou "Circuítos de carreiras". Ademais, A Estrada tamén recibiu da Deputación de Pontevedra 306.439,38 euros para a contratación de 30 persoas para garantir os servizos municipais.

Desta maneira, A Estrada xa recibiu o 85,2% do que lle corresponde este ano a través do Plan Concellos 2017 e que ascende a 1,5 millóns de euros.