Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba novas achegas por valor de máis de oitocentos mil euros para Cangas, Nigrán e Salceda

A Deputación de Pontevedra financia diversos proxectos de acondicionamento, mellora e reforma de espazos, servizos e vías públicas nestes tres concellos da provincia


04 agosto 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar cinco novas achegas para os concellos de Cangas, Nigrán e Salceda de Caselas, dentro da liña 1 do Plan Concellos 2018. Estes investimentos supoñen un total de 809.823,03 euros.

Así, a institución provincial destina ao Concello de Cangas dúas novas achegas cun valor total de 385.440,60 euros. Máis polo miúdo, o Goberno de Carmela Silva destina 301.098,22 euros para financiar a nova capa de rodaxe en viarios municipais; e outros 84.342,38 euros para a pavimentación e accesibilidade do paseo Pepe Poeta. Con estas achegas, Cangas xa ten recibido 1.360.349,26 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 72,09 % do plan provincial.

Pola súa banda, o Concello de Nigrán recibe por parte da Deputación dúas achegas cun valor de 300.613,10 euros. Concretamente, a institución provincial achega 101.626,25 euros para o acondicionamento de beirarrúas no entorno do pavillón polideportivo de Nigrán; e outros 198.986,85 euros para a ampliación da rede de saneamento en Lagoíña, Labrego, Xestal e Palomar. O Goberno de Carmela Silva xa destinou a Nigrán 801.870,94 euros do Plan Concellos 2018, o que supón o 46,9 %.

E xa por último, a institución provincial achega 123.769,33 euros ao Concello de Salceda de Caselas para a humanización das rúas Compostela, parte de Rafael Tilve Adrio e rúa da Coruña e da rúa Compostela (fase II). Con esta achega, Salceda de Caselas xa ten recibido 547.772,71 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 48,8 %.

Este ano a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 euros do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.