Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba novas achegas do Plan Concellos 2018 por case 200.000 euros para Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade

A Deputación de Pontevedra financia diversos proxectos de reforzo e mellora de vías e espazos públicos


29 xullo 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará o martes dúas novas achegas para os concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2018. Estes investimentos supoñen un total de 188.600,41 euros.

Máis polo miúdo, Campo Lameiro recibe por parte da institución provincial unha achega de 88.118,44 euros para o reforzo de pavimentos, peches e muros. Con esta achega, o concello da comarca de Pontevedra xa recibiu 368.941,15 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 58,33 % do plan provincial.

Pola súa banda, o Goberno de Carmela Silva destina ao concello de Cerdedo-Cotobade un total de 100.481,97 euros para financiar o ensanche do camiño do Quinteiro (Tomonde). A institución provincial xa destinou a Cerdedo-Cotobade 756.807,84 euros do Plan Concellos 2018, o que supón o 60,8 %.

Este ano a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos 2018, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.