Noticias

O Goberno de Carmela silva aproba máis de un millón de euros para outros sete municipios da provincia a través do Plan Concellos 2019

Con estas partidas vaise adquirir material e faranse obras de pavimentación e mellora de vías e espazos públicos en Agolada, Portas, Nigrán, Gondomar, Poio, Cangas e Vilaboa


09 febreiro 2019
Plan Concellos 2019

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nun total de sete municipios da provincia no marco da liña 1 do Plan Concellos. Trátase dun total de oito partidas por un total de 1.043.171,79 euros para diversas actuacións en Agolada, Portas, Nigrán, Gondomar, Poio, Cangas e Vilaboa.

Para Agolada, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida de 248.573,37 euros para financiar a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de asfalto e formigón. A través do Plan Concellos, Agolada ten este ano á súa disposición 528.044,96 euros, un 2,95 % máis que o no exercicio anterior.

No caso de Portas, o Goberno de Carmela Silva vén de aprobar unha achega de 133.937,47 euros para adquirir un camión recolector-compactador de residuos sólidos urbanos. Este ano, a través do Plan Concellos, Portas ten á súa disposición 390.104,97 euros, un 3,08 % máis que o ano pasado.

Para Nigrán, o Goberno provincial autorizou dous investimentos por un valor de 164.209,06 euros. Máis polo miúdo, trátase de unha achega de 103.682,09 euros destinada á pavimentación de diversos camiños na parroquia de Nigrán e outra achega de 60.526,97 euros para financiar tamén a pavimentación de camiños na parroquia de Chandebrito. En total, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra pon á disposición de Nigrán este ano un total de 1.025.470,24 euros, un 2,94 % máis que no exercicio anterior.

Para Gondomar, a institución provincial aprobou un investimento de 135.365,19 euros para levar a cabo a reforma e pavimentación do camiño de Sequeirós, Fase II. A través do Plan Concellos, Gondomar ten este ano á súa disposición un total de 1.003.879,76 euros, un 3,51 % máis que en 2018.

No que respecta a Poio, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 69.603,97 euros destinados a financiar a rehabilitación de servizos e firmes na rúa Valiña. Este ano, a través do Plan provincial, o Goberno de Carmela Silva destina a Poio 1.068.761,89 euros, un 3,03 % máis que no exercicio do ano pasado.

Para Cangas, a Deputación de Pontevedra autorizou unha achega de 111.118,22 euros para levar a cabo o acondicionamento do espazo entre as rúas Poio e Ensinanza. En total, a través do Plan Concellos, o Goberno provincial pon á disposición de Cangas este ano un total de 1.142.308,12 euros, un 3,47 % máis que en 2018.

Finalmente para Vilaboa, a institución provincial tamén lle deu o visto bo a un investimento de 180.364,51 euros destinados a financiar o reasfaltado entre Seixas e Vilar. Este ano, a través do Plan provincial, a Deputación de Pontevedra destina a Vilaboa 522.009,09 euros, un 3,22 % máis que no exercicio anterior.