Noticias

O goberno de Carmela Silva aproba máis de 9 millóns de euros en axudas do Plan Concellos en menos dun mes

7,5 millóns de euros destináronse a emprego, financiando a contratación de 1.033 traballadores en 52 concellos


14 feb 2016

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobou, en menos dun mes, máis de 9 millóns de euros destinados aos concellos da provincia de Pontevedra para financiar o emprego, as actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais e o financiamento do gasto corrente. Todas estas axudas enmárcanse dentro do Plan Concellos, o novo modelo da institución provincial que converte os municipios en protagonistas.

O Plan Concellos 2016 supón unha transferencia de 40 millóns de euros que a Deputación pon a disposición dos 60 concellos da provincia para desenvolver políticas de emprego, investimentos, cultura, etc. Este plan repártese  en 16 millóns de forma lineal entre os concellos da provincia, de xeito que a cada un lle corresponde unha cantidade fixa de 266.666,67 euros. A cantidade restante, 24 millóns de euros, repartirase atendendo a tres criterios: a poboación de cada concello (o 60 %), a súa superficie (20 %) e os seus núcleos de poboación (20 %).

O plan marca catro liñas de axuda: axudas para investimentos, axudas para afrontar necesidades de gasto corrente, axudas para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais dos concellos e axudas para financiar o emprego.

En canto ás axudas para o emprego, destinadas ao financiamento das contratacións que fan os concellos (liña 4 do plan), desde o comezo do ano o goberno provincial aprobou un total de 7,5 millóns de euros que benefician a 52 concellos para financiar a contratación de 1.033 traballadores. O 29 de xaneiro aprobouse a primeira relación de subvencións a 38 concellos para contratar 729 traballadores por case 5 millóns de euros. O 5 de febreiro a Xunta de Goberno aprobou a segunda relación de axudas para a contratación de 196 persoas en 9 concellos da provincia por valor de 1.731.669,32 euros. E este venres, 12 de febreiro, o goberno da Deputación aprobou a terceira relación de axudas por importe de 730.000 euros para outros 5 concellos. Neste último caso son os municipios de Cangas, Cuntis, Moraña, Mos e Salceda de Caselas os que poderán afrontar a contratación dun total de 108 traballadores.

O Concello de Cangas poderá financiar con 200.556 euros a contratación de 34 traballadores: 28 peóns, 1 condutor, 3 conserxes de edificios públicos e 2 auxiliares administrativos. No caso de Cuntis aprobouse unha axuda de 113.085 euros para contratar 20 traballadores: 1 enxeñeiro agrónomo, 1 condutor, 1 palista, 1 operario rozadora, 1 técnico de protección civil, 7 albaneis, 1 condutor tractor rozadora, 6 peóns de obra pública e 1 auxiliar administrativo. En Moraña destínanse 94.415 euros á contratación de 10 traballadores: 3 peóns de obra pública, 3 albaneis, 1 varredor, 1 condutor, 1 peón de limpeza e 1 xardineiro. O Concello de Mos recibe unha subvención de 192.761 euros para contratar un total de 20 traballadores: 4 teitadores de asfalto, 2 instaladores de tubos para a condución de gabias en xeral, 5 operarios mantedores de edificios, 6 operarios conservadores de parques e xardíns e 3 limpadores-mantedores de piscinas. Finalmente aprobouse unha axuda de 127.812 euros para o Concello de Salceda de Caselas para a contratación de 24 traballadores: 5 peóns de limpeza, 5 peóns de albanel, 4 peóns de xardinería, 1 animador sociocultural, 1 orientador laboral, 2 auxiliares administrativos, 1  condutor e 5 monitores-socorristas.

En canto ás axudas para financiar actividades dos concellos (liña 3) o venres o goberno de Carmela Silva aprobou a primeira relación de subvencións. Son 350.590 euros para que 19 concellos da provincia de Pontevedra poidan financiar actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais. Os municipios beneficiarios son Caldas de Reis, A Cañiza, Cerdedo, Covelo, A Estrada, Forcarei, Fornelos, Gondomar, A Lama, Meis,Mondariz-Balneario, Mos, Pazos de Borbén, Poio, O Porriño, Ribadumia, Soutomaior, Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.

Finalmente, en canto ás subvencións para o gasto corrente dos concellos (liña 2), o goberno aprobou no que vai do ano máis dun millón cen mil euros que benefician a 13 concellos da provincia. A última relación de axudas aprobouse o pasado venres pola Xunta de Goberno,  65.241 euros para o Concello de Meis, destinada ao financiamento do gasto corrente.