Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba dúas novas achegas por máis de 45.000 euros para Vilaboa

Estes investimentos irán destinados a varias actuacións na casa da cultura de Riomaior e á ampliación da rede municipal de saneamento nas parroquias de San Adrián e Vilaboa


17 agosto 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, mediante resolucións provinciais, dúas novas axudas ao Concello de Vilaboa por un valor total de 45.758,68 euros ao abeiro do Plan Concellos 2018. Dentro destes investimentos, 20.052,98 euros irán destinados a varias actuacións na casa da cultura de Riomaior e 25.705,7 euros á ampliación da rede municipal de saneamento nas parroquias de San Adrián e Vilaboa.

Ademais desta cantidade, o Plan Concellos 2018 xa adxudicou anteriormente varias axudas para o Concello. En concreto, 236.757,75 euros na liña 1 para a rede municipal de distribución de auga potable e para a remodelación do club de piragüismo Vilaboa, entre outras actuacións. Ademais, 48.160,93 euros da liña 2 para financiar actividades culturais. Tamén, 114.382,21 euros para a contratación de traballadoras e traballadores, dentro da liña 3.

Ata este momento, a Deputación xa entregou 399.300,89 euros de 866.418,82 euros totais que están destinados ao Concello de Vilaboa no Plan Concellos 2018.