Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba dúas novas achegas por máis de 250.000 euros para o Concello de Marín

A Deputación financia as instalacións de recreo infantís no parque Eguren e o sistema de retención e desbaste automático de sólidos no bombeo de augas residuais de Loira


04 agosto 2018
Plan concellos 2018 da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dúas novas achegas para o Concello de Marín, dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2018, por un valor total de 252.078,77 euros.

Máis polo miúdo, a institución provincial destinará 161.472,08 euros á financiación das instalacións de recreo infantís no parque Eguren e 90.606,69 euros ao sistema de retención e desbaste automático de sólidos no bombeo de augas residuais de Loira I. Con estas achegas, Marín xa recibiu 747.530,76 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 42,19 % do plan provincial.

Neste senso, co Plan Concellos 2018, a Deputación de Pontevedra pon a disposición do Concello un total de 1.771.748,31 euros o que supón un 72,49 % máis que o ano pasado.

Este ano a institución provincial pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.