Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba dúas novas achegas para Tui por máis de 120.000 euros

Ao abeiro do Plan Concellos, a Deputación financia a substitución da cuberta da nave de maquinaria do Concello e a mellora das pistas de tenis municipais


12 agosto 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dúas novas achegas para o Concello de Tui por 127.365,54 euros ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018. Así, a vila do Baixo Miño recibirá 63.120,32 euros para a substitución da cuberta na nave de maquinaria do Concello e outros 64.245,22 euros para a mellora das pistas de tenis municipais.

Con esta achega, Tui recibiu co Plan Concellos 2018 un total de 403.417,51 euros dos 1.769.637,16 euros que lle corresponden este ano, un 76,35 % máis que en 2017. En concreto, a Deputación de Pontevedra aprobou para Tui 127.365,54 euros en liña 1 de investimentos, 44.577,61 euros en liña 2 de amortizacións e 231.474,36 euros en liña 3 de Emprego, cos que se contrataron a 20 persoas.

Este ano a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.