Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba dúas achegas por preto de 350.000 euros para Lalín e Silleda

Cos novos investimentos, ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos, Lalín humanizará a rúa Wenceslao Calvo Garra e Silleda financiará a compravenda dunha parcela destinada á instalación dun centro de produción e abastecemento enerxético


08 xuño 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou dúas importantes achegas para os concellos de Lalín e Silleda, ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2018, por un total de 347.639,8 euros.

Así, Lalín recibirá da Deputación de Pontevedra unha achega de 223.311,91 euros cos que poderá financiar o investimento para a humanización da rúa Wenceslao Calvo Garra. Tal e como informou Carmela Silva en rolda de prensa, "con esta achega, Lalín xa ten recibido 978.602,06 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 64,96 % do plan provincial". Este ano, a vila de Deza ten a súa disposición 1.516.882,35 euros, un 73,44 % máis que no 2017.

Pola súa banda, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou para Silleda unha achega de 114.327,89 euros cos que poderá financiar a compravenda dunha parcela á Fundación Semana Verde de Galicia, destinada á instalación dun centro de produción e abastecemento enerxético. Con esta achega, Silleda recibiu xa 559.679,37 euros do Plan Concellos 2018, o 74,10 % do Plan. Para este 2018, a Deputación de Pontevedra pon a disposición de Silleda 741.293,99 euros, un 74,63 % máis que o ano pasado.

Este ano a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.