Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba destinar máis de 80.000 euros para promover actividades en tres concellos do Salnés

O Grove, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa recibirán 83.610,99 euros, ao abeiro da liña 2 do Plan Concellos 2017, para a posta en marcha de actividades deportivas, culturais, de promoción turística e sensibilización en materia de igualdade


20 maio 2017
Plan Concellos 2017

O Goberno de Carmela Silva aprobou destinar máis de oitenta mil euros para levar a cabo actividades, amortizar, pagar débedas e afrontar gasto corrente nos concellos do Grove, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa. Carmela Silva subliñou que "con esta relación, a décima, levamos xa aprobadas achegas para os concellos da provincia por valor de máis de 3,2 millóns euros, é dicir, o 52,11 % da liña 2 que este ano ascende a 6.180.000 euros".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que a Deputación de Pontevedra achegará 11.000 euros para que O Grove poida organizar a Gala municipal do Deporte 2017, así como para poñer en marcha o programa "Vellos tempos" e o XXIV Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey.

Pola súa banda, o Concello de Ribadumia recibirá 20.000 euros para a exaltación do viño autóctono a través da XLV Festa do Viño Tinto do Salnés e para a programación do Auditorio Municipal de Santa Baia.

Ademais, a Deputación de Pontevedra destinará 52.610,99 euros para que Vilagarcía de Arousa afronte os gastos de limpeza e aseo do Conservatorio Profesional de Música así como pintar a gardería infantil municipal e impulsar o programa de sensibilización en igualdade e recuperación persoal desde a perspectiva de xénero.

O Plan Concellos 2017 ten asignado para este ano unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a do ano anterior e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobado xa máis de 30 millóns de euros desde xaneiro, é dicir, o 73 % do plan.