Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba as bases reguladoras para "Depo en marcha" 2019, que conta cun orzamento de 156.000 euros

Este programa de envellecemento activo busca mellorar a calidade de vida das e dos maiores da provincia a través da realización de obradoiros


01 setembro 2018
Depo en Marcha 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases reguladoras do programa "Depo en marcha" 2019 que, nesta nova edición, contará cun orzamento de 156.000 euros, 36.000 euros máis que na convocatoria de 2018. Así mesmo, tamén aumenta a oferta de obradoiros ata chegar aos 130, 30 máis que na edición deste ano. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que desde a institución provincial se segue co obxectivo de adiantar todo o posible a tramitación destes programas.

Tal e como explicou a presidenta, "Depo en marcha" quere favorecer o envellecemento activo a través dos distintos obradoiros que se ofertan e co obxectivo de mellorar a calidade de vida das e dos maiores da provincia, favorecendo a súa inclusión en actividades e potenciando espazos de encontro. "Nestes días de verán, dábanse cifras nos medios de comunicación do número tan importante de persoas maiores que viven soas e é fundamental que as administracións públicas aproben programas que favorezan a súa relación, socialización e envellecemento activo", explicou Silva.

Para poder gozar dos obradoiros que oferta este programa provincial, a presidenta explicou que, entre os requisitos que deben cumprir as entidades que opten a eles, está que o 70 % do alumnado teña 50 anos ou máis no momento da inscrición. Así mesmo, precísase un mínimo de 50 inscritos ou inscritas nestes obradoiros cuxa duración de 30 horas impartirase en xornadas de unha a tres horas á semana.

Neste momento estase a executar "Depo en marcha" 2018 que, de todos os obradoiros adxudicados, ten 22 deles iniciados e 144 previstos para comezar no mes de setembro. A elevada demanda deste programa fai que aínda estean en lista de espera 91 entidades.