Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba as bases reguladoras de "En ruta coa Depo" 2019 cun orzamento de preto de 365.000 euros

A Deputación oferta 20.000 prazas e 32 rutas por lugares emblemáticos co fin de dalos a coñecer, promover o envellecemento activo e os valores máis importantes da provincia


30 setembro 2018
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa "En ruta coa Depo" para o ano 2019. O programa da Deputación de Pontevedra, que pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional, terá o próximo ano un orzamento de 364.800 euros, o que supón un incremento de case 5.000 euros con respecto ao ano pasado.

Carmela Silva informou de que o programa volverá a ofertar 20.000 prazas e 32 rutas por lugares emblemáticos da provincia divididas en rutas temáticas, rutas culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais.

O obxectivo deste programa da institución provincial é dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, e tamén promover os valores máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.

En relación a "En ruta coa Depo" 2018, no que vai de ano máis de 15.000 persoas da provincia puideron gozar do programa ofertado pola Deputación. Tamén recordar, que o ano pasado participaron preto de 300 asociacións da provincia e cubríronse as 20.000 prazas ofertadas.