Noticias

O goberno de Carmela Silva aproba as bases para a concesión de axudas a escolas de músicas dependentes de asociacións sen ánimo de lucro

Un ano máis, a institución provincial destina 80.000 euros a esta iniciativa que ten por obxecto subvencionar os gastos correntes e de persoal necesarios durante o 2019


27 xullo 2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases para a concesión de axudas a escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro para o 2019. En total, a institución provincial destina 80.000 euros a esta iniciativa que ten por obxecto subvencionar os gastos correntes e de persoal necesarios durante este ano.

Máis polo miúdo, a presidenta Carmela Silva explicou que estas axudas están destinadas "a contribuír ao funcionamento das escolas de música que dependen de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que estean radicadas na provincia de Pontevedra e que teñan entre os seus obxectivos a formación musical". Deste xeito, a concesión das subvencións farase en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta o número de alumnas e alumnos matriculados no curso 2018-2019, o número de docentes, o orzamentos de gastos da escola e as especialidades impartidas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través dun formulario que estará dispoñible na sede electrónica da Deputación e o prazo abrirase ao día seguinte da publicación da convocatoria no BOPPO e rematará o 30 de setembro. O ano pasado beneficiáronse destas axudas un total de 14 escolas de música dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Lalín, Vigo, Gondomar, Mos, Ponteareas, As Neves, O Rosal e Vilanova de Arousa.