Noticias

O goberno de Carmela Silva aproba as bases do programa "Conectadas 2018"

A Deputación destinará 324.000 euros co obxectivo de potenciar a participación e a promoción das mulleres e as relacións interpersoais igualitarias a través da formación


25 decembro 2017
Conectadas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa "Conectadas 2018", un programa que, en palabras da presidenta provincial, "ten por obxectivo potenciar a participación e a promoción das mulleres e favorecer as relacións interpersoais igualitarias, impulsando accións formativas e incorporando de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar".

Carmela Silva destacou que "temos o obxectivo de licitar o programa canto antes, xa que para que a igualdade sexa real e efectiva un dos instrumentos imprescindibles é a formación. De feito, o nivel de formación das mulleres é un activo fundamental para si mesmas, para as empresas e a sociedade no seu conxunto.

"Conectadas 2018", que conta cun orzamento de 324.000 euros, pon o acento na formación,  en estender diferentes cursos e obradoiros sobre cuestións variadas para empoderar ás mulleres e dotalas de ferramentas para construír unha sociedade igualitaria. Para acadalo, o programa diríxese a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes.

Cada acción formativa das 46 que se van ofertar conta con entre 20 e 25 prazas e todas elas deben ser realizadas ata o 31 de decembro de 2018. Todas elas terán unha duración media de 35 horas e deberán incluír, de forma transversal entre os seus contidos, o tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes e a sensibilización na igualdade de oportunidades. Máis polo miúdo, as accións formativas de "Conectadas 2018" están distribuídas en oito bloques: "Muller emprende", "Muller e cultura: artes visuais", "Actualízate", "Coas túas mans", "Porque ti o fas", "Súmate ao cambio", "Ponte en forma" e "Coidados persoais".

O bloque "Muller emprende" oferta accións formativas sobre iniciativas sostibles para o emprego na que se abordará de cuestións como a creación dunha empresa, a administración de redes sociais, o comercio electrónico, a asesoría laboral e fiscal e coaching. Pola súa banda, "Muller e cultura" proporcionará ás mulleres participantes nocións relacionadas coas artes visuais. Máis polo miúdo, formaranse en fotografía, pintura, teatro, animación á lectura e memoria.

Tamén haberá un bloque temático relacionado coas novas tecnoloxías e así, con "Actualízate" impartirase formación sobre alfabetización dixital, analizando os cambios do papel ao ordenador así como Internet, correo electrónico e manexo de tablets. Amais, abordaranse cuestións relacionadas coa socialización a través das redes sociais. O bloque "Coas túas mans" permitirá ás alumnas iniciarse no patchwork, no scarpbooking e realizar artesanía en coiro. No caso do denominado "Porque ti o fas" impartirase formación sobre poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade, xardinería e horta ecolóxica.

Pola súa banda, o bloque "Súmate ao cambio" centrarse en eidos como a cociña e a alimentación, a conservación de alimentos, a iniciación á costura, os coidados e a dependencia, o mantemento do fogar e a xestión doméstica, a bricolaxe e as reparacións, reciclaxe e educación en igualdade.

Tamén haberá bloques temáticos dedicados a "Ponte en forma", no que se impartirán cursos de Pilates, Taichí, Ioga, ximnasia de mantemento e sendeirismo, e de "Coidados persoais", no que se abordarán cuestións relativas á menopausa saudable, ao coidado, á relaxación e manexo do estrés, á intelixencia emocional, ao benestar, así como risoterapia, musicoterapia e obradoiros de mindfulness. As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia aínda que terán preferencia as mulleres. De feito, reservarase só o 25% do total das prazas para homes excepto no bloque de contidos "Súmate ao cambio" no que a participación pode ser mixta ao 50%.

As entidades interesadas en solicitar unha acción formativa terán de prazo 30 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O programa "Conectadas 2017" tivo unha participación de 343 entidades pertencentes a 60 concellos da provincia de Pontevedra. Máis polo miúdo, foron 5.500 as mulleres que participaron activamente nesta iniciativa da Deputación de Pontevedra desenvolvida ao longo do ano 2017.


Novas relacionadas