Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba as bases da nova edición 2018-2019 de "depoEMPRENDE na escola", "depoEMPRENDE na ESO" e "depoEMPRENDE na FP"

As solicitudes de presentación deberán realizarse na páxina web da Deputación e o prazo estará aberto ata o 15 de xullo


15 xuño 2018
Depoemprende na FP

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases da edición 2018-2019 dos programas "depoEMPRENDE na escola", "depoEMPRENDE na ESO" e "depoEMPRENDE na FP". Así, o Goberno de Carmela Silva realiza unha convocatoria aos centros educativos públicos da provincia de Pontevedra (educación especial, educación primaria, educación secundaria e formación profesional) para participar nas modalidades dos diferentes proxectos de fomento da cultura emprendedora no ámbito escolar.

Os principais obxectivos destes tres proxectos da institución provincial son fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, depoEMPRENDE tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

Máis polo miúdo, "depoEMPRENDE na escola" é un proxecto educativo dirixido ao alumnado de educación primaria (5.º ou 6.º curso) e de educación especial, que, durante o curso escolar, crearán e xestionarán unha cooperativa, na que fabricarán produtos que venderán unha vez ao ano nun mercado ou feira da súa localidade. Pola súa banda, "depoEMPRENDE na ESO" diríxese a mozas e mozos de 14 a 16 anos (3.º e 4.º da ESO) que estuden a materia Iniciativa Emprendedora. Por outra banda, "depoEMPRENDE na FP" está dirixido fundamentalmente ao alumnado que estude a modalidade de Empresa Iniciativa Empresarial EIE ou/e Simulación Empresarial.

Os centros serán elixidos atendendo á súa puntuación e o número máximo de seleccionados serán quince centros na modalidade "depoEMPRENDE na escola", oito en "depoEMPRENDE na ESO" e tamén oito na modalidade de "depoEMPRENDE na FP".

As solicitudes de presentación desta convocatoria deberán realizarse seguindo o modelo de solicitude que estará dispoñible na páxina web da Deputación e o prazo estará aberto ata o 15 de xullo.