Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba as axudas básicas de emerxencia para 20 concellos da provincia de Pontevedra

A Deputación achégalles 175.000 euros a este primeiro grupo de concellos dos 52 que recibirán estas axudas, as cales chegaron a 1700 familias en situación de emerxencia no 2018


06 setembro 2019
Axudas básicas de emerxencia

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe da aprobación en Xunta de Goberno da primeira remesa de axudas básicas de emerxencia que percibirán 20 concellos da provincia, cun investimento de 175.000 euros. Estas axudas diríxense aos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e, como explicou Silva, todos os concellos as solicitaron e as percibirán, polo que as axudas restantes se irán aprobando nas vindeiras semanas, cun investimento que ascende en total a 465.000 euros.

Silva explicou que estas axudas sociais se destinan a gastos de alimentación, gastos de vivenda, pagamento de recibos, pagamento de produtos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos, pagamento de desprazamentos, pagamento de lentes ou audífonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, pagamento de produtos de apoio e axudas de apoio á infancia. As persoas beneficiarias, como engadiu, "están en situación de emerxencia e precisan axudas das administracións, e esta Deputación destina recursos importantes para que todas as persoas poidan ter uns mínimos dereitos básicos garantidos".

Nesta primeira quenda de axudas entran os concellos da Cañiza, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, As Neves, Baiona, Barro, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Forcarei, Fornelos de Montes, Meis, Moraña, O Grove, O Rosal, Poio e Salceda de Caselas. As veciñas e veciños poderán solicitar estas axudas a través dos Servizos Sociais dos seus propios concellos.

A presidenta da Deputación lembrou que, no 2018, estas Axudas Básicas de Emerxencia deron cobertura ás necesidades básicas de 1.700 familias dos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Delas, 1.272 tiñan menores ao seu cargo e 967 tiñan a ambas ou ambos os proxenitores en situación de desemprego. Así mesmo, 299 eran familias monoparentais, 352 eran usuarias do servizo de educación e apoio familiar e 48 eran usuarias do servizo de axuda no fogar. Ademais, 62 eran mulleres vítimas de violencia de xénero, 284 das persoas tiñan diversidade funcional ou un grao de dependencia recoñecido, e 255 eran persoas maiores.