Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba achegas por valor de preto de 300.000 euros para oito concellos da provincia

Covelo, Gondomar, O Grove, Oia, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa recibirán achegas, ao abeiro da liña 2 do Plan Concellos de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes


04 xuño 2018
Achegas do Plan Concellos 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar achegas por valor de case 300.000 euros destinadas a 8 concellos da provincia para realizar pagamentos de subministracións, afrontar gasto corrente novo, amortizar débedas e impulsar programas culturais, deportivos, turísticos, gastronómicos, actividades infantís e musicais, así como festexos.

Máis polo miúdo, os concellos que forman parte desta relación aprobada polo Goberno provincial son Covelo, Gondomar, O Grove, Oia, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa, que poderán realizar pagamentos de subministracións, afrontar gasto corrente novo, amortizar débedas e impulsar programas culturais, deportivos, turísticos, gastronómicos, actividades infantís e musicais, así como festexos.

Carmela Silva informou en rolda de prensa que Covelo beneficiarase de achegas por valor de 2.843,50 euros para actividades deportivas. Pola súa banda, Gondomar recibirá 22.917,09 euros para gasto corrente novo. Tamén para gasto corrente novo, o Concello de Ponteareas beneficiarase de 34.341 euros.

En canto ao Grove, a vila do Salnés recibirá 6.000 euros para o programa "Vellos tempos" e para o grupo de crecemento persoal para a saúde integral. E Oia, 42.062,92 euros para gastos de consumo eléctrico.

Por último, O Porriño beneficiarase de 83.100 euros para o apoio e reforzo escolar a menores en desvantaxe, para a dinamización de maiores e para accións de formación académica dirixidas a familias en risco de exclusión social; Salceda de Caselas, de 62.405,56 euros para o funcionamento dos servizos públicos municipais, e Vilagarcía de Arousa recibirá 45.296,82 euros para a prevención do ciberacoso e bo uso das TIC´s, festival de estío con apego e para as Sonatas de Verán 2018.

Con esta nova relación, xa son 44 os concellos que se están a beneficiar da liña 2 do Plan Concellos, que está permitir ás localidades da provincia desenvolver proxectos culturais, sociais e deportivos así como afrontar gasto corrente novo e o pago de subministracións. Ata o momento, o Goberno provincial xa distribuíu 2.608.481,55, o que supón o 65,21 % da liña 2 que, este ano, ascende a preto dos catro millóns de euros.