Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba a realización do obradoiro Depoespazos, que creará máis de 20 novos postos de traballo na provincia

Esta iniciativa permitirá mellorar funcional e esteticamente os concellos da provincia de Pontevedra, así como poñer en valor o traballo realizado polos servizos da Deputación


12 agosto 2017
Reunión

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a realización do obradoiro Depoespazos, cun investimento total de máis de 300.000 euros. A través deste obradoiro de emprego, segundo sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, "crearanse, durante os meses de outubro de 2017 a xuño de 2018, un total de 24 postos de traballo co obxectivo de mellorar esteticamente os espazos públicos dos concellos e das parroquias da provincia de Pontevedra, ademais das zonas exteriores das distintas instalacións da Deputación de Pontevedra ao longo do territorio".

Máis polo miúdo, as obras de carpintaría que realizará o alumnado de Depoespazos "enmarcaranse dentro do Plan de mellora dos espazos públicos que a Deputación de Pontevedra aprobou o pasado mes de marzo", asegurou a presidenta provincial, que ten por obxectivo o acondicionamento funcional e estético de xardíns públicos, parques e outras contornas e áreas de lecer dos concellos pontevedreses e das súas parroquias. Así, mediante a formación para persoas desempregadas do obradoiro Depoespazos dáse visibilidade ás tarefas que se desenvolven, "revertendo nos concellos da nosa provincia a través do impulso de melloras estéticas e funcionais que benefician á cidadanía", tal e como destacou Carmela Silva.

Os traballos de Depoespazos materializaranse en elementos de xardinaría e mobiliario urbano: papeleiras, bancos, sinalización e pérgolas. En total, o alumnado do obradoiro de emprego fabricará 50 bancos de madeira, 50 pérgolas e 100 papeleiras de madeira para dotar de mobiliario a algúns destes espazos, na parte de carpintaría.

No que corresponde á xardinería, os alumnos e alumnas primeiro recibirán unha formación teórico-práctica que, unha vez rematada, aplicarán na Escola de Cantería, castelo de Soutomaior, castelo de Sobroso e Palacete das Mendoza, ao contar con abundante superficie forestal e axardinada que é necesario manter tanto esteticamente como para a prevención de incendios forestais.

Para a realización dos traballos, o obradoiro Depoespazos precisará contratar a 24 persoas que se distribuirán nos seguintes postos de traballo: un director ou directora, un titor ou titora, dous expertos ou expertas docentes (unha persoa en xardinería e outra en carpintaría) e 20 alumnas e alumnos traballadores con contratos de traballo para a formación e a aprendizaxe. A selección de todo o persoal farase a través de sondaxes á oficina de Emprego.