Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba a concesión dun préstamo sen xuros ao concello de Valga de 400.000 €

O Goberno local de Valga poderá financiar con estes cartos o acondicionamento de diferentes espazos públicos do municipio e o remate do edificio de usos administrativos


13 agosto 2018
Préstamos sen xuros a concellos da provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou para o concello de Valga a concesión dun préstamo sen xuros por importe de 400.000 euros. Con este préstamo da institución provincial a vila poderá financiar o acondicionamento do parque Irmáns Dios Mosquera, do entorno da praza de Vilarello e tamén o remate do edificio de usos administrativos e o acondicionamento da praza Vicente Cousiño.

Este tipo de préstamos que ofrece a Deputación de Pontevedra facilitan aos concellos unha fonte de financiamento coa que poder afrontar a execución de investimentos incluídos en plans provinciais ou municipais ou en programas de investimentos con outras administracións. Co novo Goberno da Deputación, estas operacións pasaron a non ter ningún tipo de xuros, nin comisións, nin gastos doutro tipo, algo que non acontecía no pasado, cuxos intereses estaban situados en torno ao 2 %.