Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba a adxudicación do contrato de xestión de SmartPeme 2018

O servizo, valorado en preto dun millón de euros, foi adxudicado por procedemento aberto á empresa KPMG Asesores S. L.


01 xaneiro 2018
SmartPeme 2018

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación, por procedemento aberto, do contrato de servizo de evolución e xestión da Rede SmartPeme de Pontevedra á empresa KPMG Asesores S. L. A firma presentou unha oferta de 986.271,00 euros, cun lixeiro aforro respecto ao licitado e cunhas melloras no número de actividades complementarias ao mes a realizar en cada un dos puntos da rede SmartPeme Pontevedra, no equipo de traballo e no número de empresas asesoradas.

O proxecto SmartPeme naceu no 2016 para substituír, con éxito, ao CPAE 2.0 ofertando ás e aos emprendedores, autónomos e as Pemes da provincia de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC,s. Este programa da Deputación de Pontevedra conta desde a súa creación con seis centros de asesoramento e formación situados en Ponteareas, no concello do Porriño, en Exposalnés en Cambados, en Lalín, no Pazo provincial e na sede da Deputación en Vigo. A través destas oficinas, póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos, de diversos niveis de dificultade, adaptados ás empresas; eventos de networking trimestrais con profesionais de prestixio; colabóranse con asociacións e promóvense alianzas institucionais; achéganse kits de asesoramento en novas tecnoloxías; identifícanse e difúndense as necesidades nesta materia aos provedores de solucións para pemes e, tamén, impúlsanse novas carteiras de servizos de asesoramento.

No último ano aumentouse en preto dun 50 % tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.