Noticias

O Goberno de Carmela Silva anuncia un novo investimento nas instalacións da piscina de Cambados para renovar os vestiarios

O deputado David Regades destaca que o orzamento ascende a 490.781 euros e anunciou a próxima licitación das obras


29 xuño 2018
Obras piscina de Cambados

O deputado de Cooperación, David Regades, xunto á alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e o concelleiro, José Ramón Abal, anunciou hoxe un novo investimento da Deputación de Pontevedra nas instalacións da piscina da localidade que permitirá renovar os antigos vestiarios que presentaban serias deficiencias.

Regades destacou que o investimento ascende a 490.781 euros e que en breve convocarase a licitación das obras para que no primeiro trimestre do ano "Cambados poida contar cunha piscina do século XXI e non cunha galponada". O deputado de Cooperación recoñeceu que xa cando comezou a obra da nova piscina "nos atopamos que íamos ter unha piscina do século XXI pero que os vestiarios non ían estar a mesma altura. Por iso a Deputación achega o cento por cento dos case medio millón de euros para acometer esta renovación dos vestiarios porque a realidade é que esas instalacións presentaban un mal estado de conservación".

Regades recoñeceu que a decisión foi tomada en conxunto coa alcaldesa para que as veciñas e veciños de Cambados conten realmente cunha piscina e uns vestiarios "de primeira categoría e realmente do século XXI". O deputado de Cooperación asegurou que o proceso administrativo vai ser rápido xa que o proxecto está encargado e a licitación sairá en breve.

Este novo investimento realízase mediante unha addenda ao convenio entre a Deputación e o Concello de Cambados, por valor de 902.000 euros, para a renovación das instalacións da piscina, da súa climatización e da súa cuberta. En total o investimento para a renovación de todas as infraestruturas das instalacións do Pombal vai ser de case millón e medio de euros.

Por último, David Regades resaltou que os investimentos da Deputación de Pontevedra no concello de Cambados ascenden a case seis millóns de euros no que vai de lexislatura "nunca na historia se investiu tantos recursos en Cambados por parte da institución provincial para o beneficio dos veciños e veciñas cambadesas", recalcou o deputado provincial.

Pola súa parte, Fátima Abal resaltou que "esta nova inversión" era moi necesaria porque a situación dos vestiarios non era a adecuada e agradeceu a dispoñibilidade da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Cooperación, David Regades, pola súa receptividade a todas aquelas necesidades que ten a vila arousán.

Abal considerou "unha gran noticia porque en breve toda a veciñanza vai poder dispor dunhas novas instalacións, porque realmente van quedar novas, non antigas e non arranxadas cun parche. Para toda a comarca imos contar cunha nova piscina e vestiarios realmente do século XXI".