Noticias

O Goberno de Carmela Silva adxudica un novo Plan de formación continua destinado aos concellos en materia de administración electrónica

A través deste plan organizaranse preto de 200 xornadas para contribuír a que os concellos da provincia poidan xestionar o cambio para adaptarse á Lei 39/2015


16 xuño 2018
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación do Plan de mellora continua da solución "Gestiona", destinada aos concellos da provincia adheridos ao servizo de administración electrónica impulsado pola institución provincial. En total, a través deste plan impulsarase preto de 200 accións formativas centradas en dar resposta ás demandas formuladas polos concellos respecto á administración electrónica.

Máis polo miúdo, a Deputación de Pontevedra destina a este plan de formación, que será impartido por Espublico Servicios para la Administración S. A., 90.000 euros. A través de "Gestiona", vanse promover de 2 a 5 xornadas formativas por cada un dos 53 concellos adheridos ao proxecto de administración electrónica impulsado pola Deputación.

O obxectivo de "Gestiona" é promover accións formativas para reforzar cuestións relativas ao emprego da administración electrónica, así como asesorar de xeito especializado en materia de integración coas ferramentas da Administración Xeral do Estado. Ademais, tamén se pretende a través destas xornadas de formación e mellora continua, contribuír a que os concellos poidan adaptarse e dar cumprimento ás obrigas marcadas pola Lei 39/2015, que entrará en vigor en outubro de 2018.

A Deputación de Pontevedra está a liderar o proxecto de implantación da administración electrónica nos concellos da provincia, co fin de dar resposta ás obrigas marcadas pola lexislación. A través deste proxecto, ademais de implantar o servizo en 53 concellos, 2 mancomunidades e 2 entidades menores, a institución provincial está a dar soporte ás entidades, manter o servizo e formou xa a 2.324 empregadas e empregados públicos e ata 758 cargos públicos en materia de administración electrónica.