Noticias

O Goberno de Carmela Silva adxudica a contratación do programa "En ruta coa Depo" 2019 con novas melloras nas cláusulas de responsabilidade social

"Máis mulleres, máis xuventude, máis inclusión e mellores condicións salariais porque para este Goberno a equidade segue a ser un eixo central da nosa acción política"


09 febreiro 2019
A Xunta de Goberno adxudica a contratación do programa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do contrato para o servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa "En ruta coa Depo" 2019, promovido polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude. Así, a empresa seleccionada para levar a cabo a posta en marcha deste programa é "Halcón Viajes S.A", que introducirá unha serie de melloras enmarcadas nas cláusulas de responsabilidade social.

Neste eido, a presidenta da Deputación puxo en valor que a empresa vai apostar pola equidade ao comprometerse a que o número de mulleres que integre o persoal responsable na execución do programa sexa como mínimo do 50 %, "esta medida é fundamental xa que para este Goberno a igualdade é un dos eixos centrais da nosa acción política", destacou Carmela Silva. Ademais, en canto ás condicións salariais e laborais, vaise executar unha mellora nas condicións salariais das guías oficiais e de autobús, por riba do estipulado nos convenios sectoriais e territoriais de legal aplicación. E, tamén, para a execución do programa, a empresa vai contar cun equipo humano integrado por persoas menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional nunha porcentaxe mínima dun 40 %.

En liñas xerais, o programa volverá a ofertar 20.000 prazas e 32 rutas por lugares emblemáticos da provincia divididas en rutas temáticas, rutas culturais, marítimas, rutas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, rutas dinámicas e interxeracionais. "En ruta coa Depo" pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Ademais, o obxectivo deste programa da Deputación de Pontevedra é dar a coñecer os distintos lugares da provincia de Pontevedra, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo, e tamén promover os valores máis importantes das Rías Baixas para que a xente os coñeza, se poida sentir orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

A comezos desta semana abriuse o prazo para que as entidades da provincia soliciten participar nesta iniciativa á que a institución provincial destina este ano 365.000 euros, o que supón un incremento de 5.000 euros con respecto a 2018.