Noticias

O Goberno de Carmela Silva adxudica 343 accións formativas do programa "Conectadas 2017"

Mediante este programa, 5.145 persoas poderán beneficiarse de cursos de formación de 35 horas de duración


27 maio 2017
Conectadas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer que o próximo luns a Xunta de Goberno adxudicará as accións formativas do programa "Conectadas 2017" que, este ano, vai executar a UTE formada polas empresas Forox e Marexada por valor de 324.000 euros. En total, se realizarán 343 accións formativas, de 35 horas de duración cada unha, para o mesmo número de entidades espalladas por 60 concellos da provincia.

O programa "Conectadas 2017" está previsto que beneficie, este ano e ao menos, a 5.145 persoas, superando en preto de dous centenares as que asistiron ás accións formativas o ano pasado.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar os obxectivos principais do programa, que ten por finalidade a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e das novas tecnoloxías.

A través de "Conectadas 2017" a Deputación de Pontevedra pretende potenciar a participación e a promoción das mulleres e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, impulsando accións formativas e incorporando de forma transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Para elo, o programa beneficiará a 343 asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que traballan para promover ás mulleres, apoiar o seu desenvolvemento e actuación, empoderalas, así como impulsar o tecido asociativo e a consecución do obxectivo de igualdade entre mulleres e home.

En total, o programa ofrece oitos bloques de accións formativas: Muller Emprende, con cursos para crear empresas, administrar redes sociais, comercio electrónico, asesoría laboral e coaching; Muller e Cultura, con formación sobre fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e encontro con lectoras; Actualízate, con cursos sobre alfabetización dixital e socializándose coas redes; Coas túas Mans, con formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais e costura creativa; Porque ti o Fas, con cursos sobre arte floral, poda, xardinería e horta ecolóxica; Súmate ao Cambio, con formación sobre cociña e alimentación, conservación de alimentos, cociña, tapas e petiscos, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados, mantemento do fogar e xestión doméstica, coida o teu vehículo, bricolaxe e reparacións, reciclaxe e igualdade; Ponte en Forma, con cursos sobre pilates, taichí, ioga, ximnasia, zumba e sendeirismo; e Coidados Persoais, con formación sobre menopausa de forma saudable, coidar coidándonos, relaxación, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e obradoiro de mindfulness.

Este ano as accións formativas máis solicitadas pertencen ás áreas de Actualízate, Coas túas Mans, Porque ti o Fas, Súmate ao Cambio, Ponte en Forma e Coidados Persoais. Máis polo miúdo, os máis demandados son os cursos de traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais; Zumba; Pilates; Ximnasia de mantemento; Coxiña. Menú diario; Risoterapia; Pastelería e repostería creativa; Cociña e alimentación. Hábitos saudables; Arte floral. Ornamentación; Cestería; Alfabetización dixital II: Internet, correo electrónico; Costura creativa; Teatro e Ioga.


Novas relacionadas

Adxudicación de Conectadas 2017

20 maio 2017, cursos, conectadas, cursos de formación, conectadas 2017, mejora de la empleabilidad, mellora da empregabilidade