Noticias

O Goberno de Carmela Silva achega máis de 10.000 euros ao Rosal ao abeiro do Plan Concellos 2017

A institución provincial entregou o 71,43 % do total destinado ao Rosal dentro do plan, cun investimento situado en máis de medio millón de euros


28 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra aprobou por Resolución presidencial unha nova achega ao Concello do Rosal, no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial, presidida por Carmela Silva, achegará 10.104,00 € para a compra de tres terreos para a creación e mellora dos servizos municipais.

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, a institución provincial xa destinara ao Rosal outros 180.964,83 € da liña 1 para equipar o auditorio municipal, o taller de carpintaría e a recollida selectiva de lixo, así como para a mellora da estrada de Couselo e a urbanización da estrada da Devesa, para a adquisición dun vehículo para o servizo de vías e obras, dunha máquina fregadora para o pavillón municipal, dunha máquina de detección de fugas na rede de abastecemento e equipamentos deportivos e tamén para renovar o equipamento de megafonía do pavillón municipal. Á marxe da liña 1, contribuíu con outros 83.453,3 € da liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como a Feira do Viño, a Festa do Cabaqueiro, a Mostra da Camelia ou a festa popular do Pilar. Finalmente achegou outros 122.875,92 € da liña 3 para a contratación de 14 persoas nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, O Rosal xa recibira da Deputación de Pontevedra o 71,43 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 397.398,05 € dun total de 556.355,34 €.