Noticias

O Goberno de Carmela Silva abre este luns o prazo de adhesión para que os concellos se sumen a "Depotermal" 2019

Os concellos que desexen adherirse a esta iniciativa de turismo de saúde poderán facelo entre o luns e o 15 de febreiro. Está previsto que na primavera as persoas interesadas poidan presentar tamén a súa solicitude para participar no programa


27 xaneiro 2019
Depotermal

Desde este luns, 28 de xaneiro, e ata o 15 de febreiro, os concellos da provincia que desexen sumarse a "Depotermal" 2019 poderán formular a súa adhesión a esta iniciativa de turismo de saúde impulsada pola Deputación de Pontevedra. En total, este ano o Goberno de Carmela Silva oferta 4.434 prazas para as persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1969 ou aquelas que, nacendo con posterioridade, son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % ou precisan dun respiro familiar.

O programa "Depotermal" 2019 está aberto a todos os concellos da provincia de Pontevedra, que poderán sumarse á iniciativa mediante un acordo de adhesión adoptado polo órgano competente. Ademais do acordo de adhesión, certificado pola Secretaría do concello, os concellos, tal e como recollen as bases publicadas o pasado venres, deberán presentar a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos antes do 15 de febreiro.

Mediante "Depotermal" 2019 a Deputación de Pontevedra ten por obxectivos facilitar o acceso ao turismo de saúde ao tempo que dinamizar a economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade. Ademais, esta iniciativa vai encamiñada a impulsar o envellecemento activo, mellorando a calidade de vida das persoas maiores a través do establecemento de novas relacións sociais e da participación en actividades que melloran o seu estado anímico.

Para esta edición de "Depotermal", a Deputación de Pontevedra oferta 4.434 prazas, das cales haberá 434 subvencionadas para persoas con escasos recursos económicos ou en risco de exclusión. En concreto, as persoas interesadas en participar no programa, que poderán formalizar a súa solicitude en primavera, terán dúas opcións: unha de asistencia diaria aos balnearios durante 5 días consecutivos e outra con pernoita e réxime de pensión completa.

As estadías diarias, con tratamentos de luns a venres, contan con 1.248 prazas das cales 248 serán subvencionadas para persoas en situación e/ou risco de exclusión social. As estadías con pernoita e pensión completa ofertan 3.186 prazas das cales 186 serán gratuítas para persoas en situación e/ou risco de exclusión social.