Noticias

O Goberno da Deputación rende contas de tres anos de xestión para unha provincia con "máis equidade, máis servizos e máis futuro"

Carmela Silva repasou os principais fitos acadados ao longo dos tres anos de mandato e destacou que "somos un Goberno forte, unido e cun proxecto claro do que estamos moi orgullosas e orgullosos"


17 xullo 2018
3 anos de goberno

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente provincial, César Mosquera, e ás deputadas e deputados que conforman o equipo de Goberno, rendeu contas esta mañá dos tres anos á fronte da institución provincial. No acto, no que representantes do mundo local e asociativo da provincia abarrotaron o Salón de Plenos, fíxose un repaso dos principais logros de xestión acadados polo Goberno provincial, repasando os investimentos asignados a cada área ao longo dos tres anos e reflexionando sobre a xestión do Goberno provincial.

Neste eido, Carmela Silva destacou o carácter de unidade do Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG, poñendo en valor a figura do vicepresidente provincial, César Mosquera, peza fundamental na xestión provincial. "Somos un Goberno forte, unido e cun proxecto claro do que estamos moi orgullosas e orgullosos" subliñou Silva ao tempo que repasou o xiro de 180 º na xestión da institución provincial para "transformar a provincia de Pontevedra para que houbera máis equidade, máis servizos, máis futuro e máis dereitos". Neste aspecto, a presidenta tamén destacou que os proxectos desenvolvidos ao longo do mandato "aséntanse nun modelo de construción do territorio baixo as premisas de crecemento e sustentabilidade, de creación de riqueza e distribución equitativa, de desenvolvemento dos sectores produtivos e a creación de emprego e, sobre todo, de garantir dereitos e servizos a todos os concellos e persoas que viven neles".

En canto aos principais fitos dos tres anos, a presidenta provincial comezou enxalzando a cooperación cos concellos. "Destinamos neste tempo preto de 220 millóns de euros, case a metade do orzamento total desta casa á cooperación directa e estreita cos concellos", informou Silva mentres detíñase a explicar plans e servizos desenvolvidos nesta área como o Plan Concellos, os Préstamos sen Xuros, o Plan de Reequilibrio, o DepoRemse, as solucións tecnolóxicas ou o Servizo de Atención Intermunicipal.

Outra das áreas que experimentou unha fonda transformación foi a de Mobilidade, na que "impulsamos unha nova filosofía centrada nas persoas", tal e como indicou Silva, e na que se investiu máis de 52 millóns de euros para poñer en marcha máis de 100 novos proxectos na provincia.

A igualdade é unha aposta prioritaria do Goberno provincial e, segundo asegurou a presidenta, "nestes tres anos –e partindo de cero xa que non existía nin un servizo destinado á Igualdade- somos xa unha referencia en Galicia e no Estado". Neste eido, a presidenta repasou desde os principais proxectos postos en marcha desde a creación da Escola de Igualdade ata o I Plan de Igualdade ou o protocolo de acoso sexual e/ou por razón de sexo.

Tamén o compromiso co Medio Ambiente é un dos principais obxectivos do Goberno provincial. Neste eido, Silva destacou que "no tratamento de residuos e a través da aposta pola compostaxe mediante o Plan Revitaliza somos xa un exemplo en Galicia, no Estado e en Europa". No medio natural a presidenta destacou, ademais do Plan Revitaliza, a aposta polo coidado e potenciación dos montes e o Servizo do CAAN.

As políticas sociais son, segundo indicou Silva, "unha das áreas que identifican expresamente a este Goberno" para o que investimos preto de 14 millóns de euros, incrementando o seu orzamento ata nun 8,2 %, nestes tres anos. A través desta área estanse a paliar emerxencias sociais, a subvencionar entidades de carácter social, a cofinanciar os servizos sociais comunitarios, a apostar pola teleasistencia domiciliaria e a organizar programas para fomentar o envellecemento activo ou os lazos interxeracionais.

Outra das apostas do Goberno provincial é a formación, o emprego e a actividade económica. Neste campo e durante os tres anos de mandato investiuse "máis de 35,5 millóns de euros para que 4.645 persoas accedesen a un contrato laboral ou realizasen a súa primeira práctica", asegurou Silva. Ademais, se está a apoiar ás empresas, especialmente as pemes, a través de proxectos como SmartPeme ou os viveiros de Barro e Lalín, e aos sectores produtivos como o pesqueiro e agrogandeiro, a través de subvencións e tamén de servizos de investigación como os desenvolvidos en Areeiro e Mouriscade. Neste eido, Silva tamén fixo fincapé na Escola de Enfermería e de Cantería e na aposta por estender a cultura emprendedora desde a escola, así como por apoiar a inserción laboral da mocidade.

A presidenta provincial tamén explicou o xiro completo realizado no Servizo de Cultura e Lingua, no que se investiu 31 millóns de euros. Neste aspecto, Silva puxo en valor o cambio no Museo de Pontevedra, as axudas para iniciativas culturais, a aposta pola recuperación da memoria histórica e por espallar a lingua a través de diferentes e novidosas iniciativas.

En canto ao turismo e o cambio, segundo indicou a presidenta, "foi radical". Deste xeito, ao longo dos tres anos de Goberno investiuse 20,6 millóns de euros, púxose en marcha un Plan Estratéxico de Turismo, apostouse por renovar o castelo de Soutomaior e tamén o de Sobroso, centrouse a estratexia no turismo cultural e impulsouse o turismo de interior e estase a converter á provincia nun referente en calidade turística.

Tamén tivo palabras Silva para explicar as actuacións realizadas no Servizo de Deportes, ao que se destinou máis de 12 millóns de euros en tres anos. Neste eido "mudamos a política deportiva da institución que quere ser con e para todas e todos, apostando por un modelo con criterios claros e transparentes". Silva recordou ademais o Plan Estratéxico de Deportes, as achegas destinadas ao deporte provincial e os programas para o fomento do deporte entre a cidadanía.

E se non existía Servizo de igualdade antes da chegada do Goberno de Carmela Silva, tampouco había Servizo de xuventude. Neste aspecto, o investimento realizado en xuventude foi de preto de 3 millóns de euros "para promover plans dirixidos á xeración mellor formada e preparada", indicou Silva, como programas de apoio ao emprendemento, programas de formación, iniciativas para facilitar a inserción laboral da mocidade, premios provinciais á xuventude, DepoRúarte, Pintando alternativas ou Depo Aventura A Lanzada.

Finalmente, a presidenta da Deputación destacou que "estamos a redobrar a nosa aposta por proxectos europeos que xeren retorno económico na provincia, impulsen o emprego, a competitividade empresarial, o I+D+i, a sustentabilidade, a formación, o turismo e a xestión dos recursos naturais". Neste eido, a presidenta recordou que "nestes tres anos conseguimos poñer en marcha proxectos por valor de 18,3 millóns de euros".

Carmela Silva tamén tivo palabras de agradecemento para as alcaldesas e alcaldes, así como para a cidadanía da provincia, as familias e amizades, gabinetes, medios de comunicación e funcionarias e funcionarios pola súa xestión pública. Tamén enxalzou o traballo desenvolvido polas deputadas e deputados provinciais, deténdose en David Regades, que en breve tomará posesión como delegado do Estado da Zona Franca de Vigo, para desexarlle sorte na nova etapa que se lle abre por diante.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera subliñou que a celebración do acto dos tres anos de Goberno na Deputación era "absolutamente necesario" porque o cambio producido na institución provincial durante os últimos tres exercicios supuxo unha "revolución". Lembrou que os deputados provinciais non foron directamente elixidos pola cidadanía, polo que desde o primeiro momento se decidiu basear o Goberno no principio de autonomía municipal, deixando ás alcaldesas e aos alcaldes elixir as súas prioridades de investimento, e no principio de corresponsabilidade, acompañando aos concellos como administración de soporte. "Fomos coherentes con isto. Os fondos que destinamos aos concellos duplican os que se destinaron en épocas anteriores, superando os 70 millóns de euros cando antes roldaban os 30 ou 40", subliñou.

En segundo lugar, Mosquera salientou que o Goberno da Deputación tratou a todos os concellos da provincia por igual. "Non se lle mirou a matrícula a ninguén", explicou, senón que simplemente se valorou o traballo feito por cada municipio e os proxectos presentados, distribuíndo os fondos por bases, programas con equidade: "Desapareceron os tempos da libre disposición. Nin a presidenta nin eu temos un euro de libre disposición, un logro que agardo se consolide no futuro".

Así mesmo, o vicepresidente quixo facer unha chamada ao futuro. Destacou que é preciso que a Deputación como institución "estea á altura dos tempos" adaptando as mellores solucións que xa se aplican noutros lugares con éxito para implantalas na provincia. "Non se debe actuar sen rigor, sen visión de futuro, é preciso facer as cousas ben, adoptar solucións solventes e mirar cara o futuro", apuntou.

Mosquera quixo rematar a súa intervención co desexo de "seguir avanzando entre todos para superar problemas que ás veces parecen imposibles de resolver. "Quen podía pensar hai dez anos que a veciñanza ía estar pedindo redutores de velocidade, ou que ían estar pedindo compostar? Hoxe está estendido. As administracións deben impulsar novas políticas. Poñer novas guías e presionar incluso á sociedade en novas direccións, poñer retos para mellorar colectivamente, e creo que neste aspecto este tempo na Deputación foi positivo. Hai que mirar cara o futuro con máis forza, con máis entusiasmo e máis ilusión sempre buscando as mellores solucións para todos", finalizou.