Noticias

O Goberno da Deputación fai balance "Agora os concellos son máis iguais, con máis recursos e dereitos e respéctase a autonomía municipal"

A presidenta Carmela Silva destacou que "nestes tres anos, máis do 40 % dos orzamentos foron directamente aos concellos, máis de 200 millóns de euros para obras e gastos"


25 maio 2018
Carmela Silva e Cesar Mosquera da Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación Carmela Silva e o vicepresidente provincial César Mosquera fixeron balance esta mañá dos tres anos de goberno desde a celebración das eleccións municipais. Silva destacou que "nestes tres anos de goberno de coalición, forte, unido e cun proxecto claro, fixemos un esforzo titánico para cambialo todo e podemos dicir que neste tempo conseguimos unha auténtica reconciliación co conxunto da provincia de Pontevedra xa que, agora si, os concellos se ven reflectidos na nosa acción de goberno".

Silva recordou que "nestes últimos tres anos, máis do 40 % dos orzamentos da institución van directamente aos concellos que xestionaron máis de 200 millóns de euros para obras e gastos". Neste contexto, a presidenta provincial destacou que "nunca os concellos tiñan recibido tantos recursos na historia da Deputación de Pontevedra e, xunto aos recursos, tamén máis dereitos e máis equidade xa que o modelo de goberno está baseado na transparencia, no equilibrio e no respecto á autonomía local". Así, Silva puxo en valor que "agora todos os concellos son iguais, teñen máis recursos, máis dereitos e respéctase a autonomía local, cousa que antes non acontecía, obxectivo fundamental para nós, que aparece recollido na Constitución Española".

A presidenta provincial falou de proxectos concretos que mudaron por completo a forma de xestionar os recursos públicos na Deputación. Proxectos como o "Plan Concellos, que permite un reparto equilibrado dos recursos entre os concellos, que coñecen con anterioridade o que van recibir e poden deseñar a súa acción con antelación, cousa que non acontecía ata que chegamos".

Tamén falou do compromiso do goberno co Medio Ambiente, mencionando o "Plan Revitaliza", "unha aposta pola compostaxe que nos está a converter nunha referencia en Galicia, no Estado e Europa", e pola mobilidade, "por reconverter aos concellos en espazos para as persoas".

En canto ao emprego, a presidenta da Deputación puxo en valor as accións encamiñadas ao fomento do emprego, tanto para os concellos como para o sector produtivo da provincia, e enxalzou as iniciativas en materia de emprendemento e formación. Tamén destacou as actuacións postas en marcha en materia de novas tecnoloxías como SmartPeme ou a administración electrónica, "xa que grazas á Deputación a administración electrónica chegou a todos os concellos da provincia que non tiñan recursos para poder poñela en marcha".

Ademais, Silva destacou "moitos expedientes postos en marcha como o servizo do padrón; as impresións, garantindo sinerxías e aforrando costes; o impulso de cidades sustentables e amables; a defensa do patrimonio histórico e da lingua; a aprobación dos plans estratéxicos de Turismo e Deportes; as políticas sociais, cuxas partidas se incrementan cada ano; e a igualdade como eixo fundamental da acción do goberno, que para o anterior goberno non existía".

Pola súa parte, o vicepresidente Mosquera destacou que o cambio co novo goberno na Deputación de Pontevedra logo de terse cumprido tres anos desde as elección municipais "é moi evidente en todos os aspectos". Destacou o pacto de goberno deu unha base sólida para gobernar a BNG e PSOE que evitou problemas de inacción e contradicións como os que se daban cos anteriores gobernos do PP que, a pesares de seren de unha soa forza política, tiñan continuas disputas e pelexas internas.

O nacionalista destacou que desde o primeiro momento se apostou por un programa moi ambicioso, de modernización, cambio, equidade e tamén realista que se ten convertido nunha "Biblia" de funcionamento que permite que as dúas forzas políticas saquen adiante "un goberno que nin os máis optimistas pensaban que a estas alturas estaría nesta boa situación". De feito, Mosquera fixo súas as palabras dun analista político que destacou que "o que pasa na Deputación de Pontevedra sería cuestión de analizalo na Facultade de Políticas: como dúas forzas políticas poden levar un goberno desa maneira".

Mosquera recoñeceu que só hai un aspecto do programa de goberno que non se ten cumprido: as transferencias á Xunta de Galicia, debido aos atrancos que "xa sabiamos que ían poñer", e, por último, criticou a oposición do PP provincial asegurando que "non aporta nada" e ademais é contrario á postura dos propios alcaldes ‘populares'.