Noticias

O Goberno da Deputación estende a súa aposta pola igualdade e o medio ambiente no SonRías Baixas, un dos #RiasBaixasFests

O deputado provincial Santos Héctor pon en valor a contorna na que se celebra o festival e fai un chamamento á cidadanía para que se implique na loita pola igualdade entre mulleres e homes e no coidado do Medio Ambiente


31 xullo 2018
Presentación SonRías Baixas

Os deputados provinciais Santos Héctor Rodríguez e Xosé Leal presentaron esta mañá o festival SonRías Baixas de Bueu, integrado nos #RiasBaixasFests, que terá lugar entre o 2 e 4 de agosto na vila do Morrazo. Durante o acto, no que actuaron os grupos "Vodoo" e "Dakidarría", adiantouse a ampla variedade de concertos, actividades para nenas e nenos e a completa oferta gastronómica do festival que, este ano, espera acadar altas cotas de visitantes.

Para o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, o SonRías Baixas trátase "de algo máis que un festival musical: falamos dun punto de encontro da cidadanía nunha contorna marabillosa e dun evento feito con moito mimo para que todas as persoas que acudan a Bueu repitan". Rodríguez destacou sobre o festival a súa capacidade para dinamizar o desenvolvemento económico do Morrazo e impulsar o emprego.

Santos Héctor Rodríguez puxo tamén en valor as campañas transversais que a Deputación de Pontevedra vai desenvolver durante o SonRías Baixas. Neste eido, o deputado de Turismo adiantou que "durante o festival imos promover "Somos historias, somos sostibles", que vai impulsar a recollida de cabichas para mellorar a nosa contorna, e tamén "Conta comigo, eu respéctote" para implicar aos homes no compromiso coa igualdade. Creo que é moi importante que todas e todos nos impliquemos".

Ademais, segundo subliñou o deputado de Turismo, desde a Deputación de Pontevedra estase a apostar polo SonRías que, xunto a outros seis festivais da provincia, forma parte desde fai tres anos dos #RiasBAixasFests, "unha marca que manifesta o compromiso da Deputación de Pontevedra coa cultura, coa música e tamén pola integración baixo unha mesma denominación de sete grandes eventos que permiten promocionarnos e posicionarnos a nivel nacional e internacional".

Pola súa banda, o deputado de Cultura destacou a evolución de SonRías Baixas, "que empezou sendo un festival pequeno, para a xente de Bueu, e foi medrando ao longo dos anos ata converterse nun dos eventos máis importantes do verán da vila". Xosé Leal subliñou a importancia do festival para a cultura e o encaixe "perfecto coa filosofía que defendemos, na que o respecto pola igualdade, polo Medio Ambiente e pola convivencia entre xeracións é fundamental".

O SonRías Baixas comeza este xoves, 2 de agosto, co concerto dos italianos "Talco" e co rap, música electrónica e ska de "Revolta Permanente" e "Assekes". O venres terán lugar os concertos de grupos galegos, valencianos e latinoamericanos como "La Raiz", "Desakato", "Sara Hebe", "Che Sudaka" e "Terbutalina". Xa para rematar o festival, o sábado concentraranse en Bueu grupos como "Berri Txarrak", "Gatillazo", "Muchachito", "The Skarnivals" e "Muerdo".

Xunto á actividade musical, SonRías Baixas celébrase nun entorno privilexiado, a carón de praias e rodeado de natureza, achegando ademais ás persoas que visitan Bueu tamén unha ampla oferta gastronómica e actividades para nenas e nenos.