Noticias

O Goberno da Deputación aprobará este venres o convenio co Concello de Vigo para cubrir os patios dos colexios públicos de Balaídos e Pintor Laxeiro

A actuación, cun valor estimado de 616.000 euros, ofrecerá alternativas de uso en espazos abertos e seguros, tanto para o estudantado como para a veciñanza da cidade


23 novembro 2020

Os patios dos colexios dos CEIP Balaídos e Pintor Laxeiro, converteranse en espazos seguros para o xogo e a actividade sociocultural gracias ao convenio de colaboración que a Deputación de Pontevedra asinará proximamente co Concello de Vigo, e que aprobará este vindeiro venres na Xunta de Goberno. A institución provincial despexa así un novo paso de cara ao comezo dunha actuación estimada en 616.000 euros e que suporá unha importante mellora na funcionalidade destes espazos.

O convenio estipula unha achega de 600.000 euros por parte da Deputación mentres ao Concello de Vigo correspóndenlle os 16.000 euros restantes. Este proxecto permitirá que os patios actuais de ambos os dous CEIP, situados á intemperie, consten dunha cuberta que permita a realización de actividades escolares e extraescolares a cuberto con independencia das condicións meteorolóxicas, garantindo ademais a seguridade e o cumprimento das normas de protección diante da pandemia. A maiores, as novas infraestruturas dotarán á cidadanía dun espazo utilizable fóra do horario docente. O texto do acordo que a Deputación ratifica este venres destaca que este tipo de cubertas xeran espazos abertos e polivalentes, moi diferentes dos polideportivos ou recintos pechados, e que, por tanto, permiten a súa utilización para un amplo espectro de actividades sociais, lúdicas e deportivas "nun contorno conectado co exterior e con luz e ventilación directas".

No CEIP Balaídos acometerase unha actuación valorada en 420.000 euros. O colexio, que está situado na rúa de Pablo Iglesias, número 1, está conformado por varios edificios e dispón de espazos abertos no seu recinto. Cubrirase a pista máis próxima á entrada para dotar ao estudantado dun espazo de lecer axeitado e facilitar tamén o uso social extralectivo. A cuberta estará soportada por columnas de formigón armado e rematada por perfís metálicos que soportarán chapas metálicas de tipo sandwich. O perímetro do espazo quedará forrado na base por chapas de policarbonato transparente sobre estrutura específica. Todo o conxunto contará cunha moderna iluminación, rede de recollida de augas pluviais, reposición de pavimentos e mobiliario propio.

No caso do CEIP Pintor Laxeiro prevese un investimento total de 196.000 euros, segundo o proxecto aprobado. O centro, situado na rúa de García Lorca, 18, está dotado cun pequeno pavillón pechado e agora, coa colaboración entre a Deputación e o Concello, vaise aproveitar o espazo aberto dispoñible para construír unha estrutura similar, tamén soportada con columnas de formigón armado e rematada con chapa sandwich, aínda que cunha superficie curvada. A base será tamén forrada con chapas de policarbonato transparente, pero, ademais, o pavimento recibirá un tratamento adecuado con caucho continuo de absorción de impactos na zona de xogos. Ao igual que a cuberta do colexio de Balaídos, tamén con iluminación propia, punto de rego e mobiliario.