Noticias

O Goberno da Deputación aproba unha inxección de máis de 2,2 millóns de euros para a conservación de firmes nas estradas provinciais

Están pendentes outras dúas contratacións que incrementarán recursos que, "ademais de manter a rede viaria, danlle apoio ao tecido empresarial e impulso á actividade económica e ao emprego"


08 maio 2020
Conservación de firmes

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe unha inxección de máis de 2,2 millóns de euros destinada á conservación de firmes nas estradas provinciais. Esta adxudicación de contratos, distribuída en tres lotes por zonas xeográficas da provincia, completarase proximamente con outras dúas que permitirán seguir achegándolles recursos aos concellos para manter a rede viaria e impulsar a economía. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, resaltou que "é fundamental facilitar a mobilidade e a seguridade das persoas que empregan as estradas de titularidade provincial pero, ademais, con esta adxudicación de máis de 2,2 millóns, imos permitir que se reactive a actividade económica, o que significa tamén o mantemento do emprego".

Os máis de 2,2 millóns de euros aprobados pola Xunta de Goberno están distribuídos en tres lotes que afectan tres zonas da provincia de Pontevedra. Así, arredor de 712.000 euros irán para estradas provinciais dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente. Nesta zona actuarase na EP-2900 Redondela-Ventosela (Redondela); a EP-2908 Arcade-Amoedo (Soutomaior); a EP-4102 Leirado-Lira (Salvaterra); a EP-4202 Tortoreos-Rubiós-A Carrasqueira (As Neves); a EP-4303 Mondariz-Meirol (Mondariz); a EP-4402 Mondariz-Balneario-Vilasobroso (Mondariz-Balneario); a EP-5006 enlace A Cañiza-Arbo con A Cañiza-Crecente (A Cañiza); a EP-5107 Covelo-Paraños (Covelo); a EP-5205 A Lomba-Albeos (Arbo) e a EP-5304 Vilar-Albeos (Crecente).

Por outra banda, máis de 800.000 euros distribuiranse na zona que abrangue os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, A Guarda e Ponteareas. Nesta zona actuarase na EP-2001 Calvario-A Garrida, a EP-2003 Coruxo-Canido, a EP-2004 Beade-As Carneiras e a EP-2005 O Meixoeiro-Cuvi (Vigo); a EP-2501 Salceda-A Picoña, a EP-2503 O Cerquido-O Borraliño, a EP-2504 Entenza-Soutelo e a EP-2505 Salceda-Caldelas (Salceda de Caselas) e a EP-3102 Tomiño-Sabarís (Tomiño).

Finalmente, uns 700.000 euros irán para estradas provinciais dos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa. Nestas zonas as actuacións terán lugar na EP-8504 O Forno-As Cernadas e a EP-8505 Ferreirós-Vilar (Valga); a EP-8702 Catoira-Torres do Oeste (Catoira); a EP-9001 Castrelo-O Couto de Abaixo e a EP-9005 Corvillón-Tremoedo (Cambados); a EP-9101 O Grove-Igrexa de San Vicente, a EP-9102 acceso ao mirador de Siradella e a EP-9103 rampla de Meloxo (O Grove); a EP-9205 Sanxenxo-Meaño, a EP-9208 Noalla-Aios e a EP-9212 Noalla-Praia da Lanzada (Sanxenxo); a EP-9303 Meaño-Dena (Meaño); a EP-9403 San Tomé-San Salvador (Meis); a EP-9508 Lois-A Goulla e a EP-9509 Os Muíños Novos-Tabueiros (Ribadumia); a EP-9703 Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas (Vilanova de Arousa) e a EP-9801 Ponte-As Laxes (A Illa de Arousa).

A presidenta provincial informou de que aínda quedan pendentes dúas contratacións máis para poder cubrir os 1.500 quilómetros de vías provinciais e garantir que se manteñan en "perfecto estado". Neste eido, adxudicarase pronto o contrato para estradas de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Moraña e Campo Lameiro. Tamén está todo preparado para a resolución do contrato do mantemento nas estradas da comarca de Deza, onde, a maiores, se están executando xa obras de reposición de firme por valor de máis de 500.000 euros en Rodeiro e Agolada. "Con iso aumentaremos os máis de 2,2 millóns de euros aprobados e haberá moitos máis recursos á disposición da provincia para as empresas, a reactivación da economía e o mantemento do emprego", afirmou Carmela Silva.