Noticias

O Goberno da Deputación aproba o expediente para a contratación da posta en marcha da EDAR e a explotación da ETAP do polígono de Barro-Meis

Carmela Silva: "Seguimos a poñer en marcha todas aquelas necesidades que ten un polígono e que cando chegamos non estaban cubertas"


09 agosto 2019
Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o expediente para a contratación do servizo da posta en marcha das instalacións e equipos da estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da explotación e mantemento das instalacións de abastecemento de auga potable (ETAP) do polígono industrial de Barro-Meis. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, subliñou que o contrato de ambos os servizos sairán a licitación por un prazo dun ano e cun orzamento de 200.00o euros.

"Seguimos a poñer en marcha todas aquelas necesidades que ten un polígono e que cando chegamos non estaban cubertas", manifestou hoxe Silva. "Había un proxecto sen contido e sen os recursos e servizos necesarios para que puidera prestar o extraordinario servizo que presta neste momento na provincia este polígono de Barro-Meis, que está a ser un éxito".

Neste sentido explicou que o parque conta con 76 parcelas, das que 42 están ocupadas na actualidade e hai outras 2 cuxa venda está en fase de tramitación. Entre as empresas que xa están instaladas figuran Distribucións Froiz, CAENOR, EDF Solar, Gasóleos Xeve, GESCOGRA, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Frutas Moncho, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, BALVALEN, Áridos de Curro, TC Group Atlántico e Estación de Servizo Low Cost. Ademais das parcelas de solo industrial, o polígono inclúe entre as súas instalacións un viveiro de empresas e un centro de servizos e apoio empresarial.