Noticias

O Goberno da Deputación aproba medio millón de euros para os concellos de Ponteareas, Bueu, A Estrada e Cambados

O investimento provincial vai permitir a mellora dun campo de fútbol, o subministro de dous aseos públicos, o asfaltado de camiños rurais e o acondicionamento dunha rúa


03 outubro 2020

O Plan Concellos da Deputación, o maior instrumento para o investimento nos concellos da provincia, volve inxectar fondos no territorio. A Xunta de Goberno aprobou a transferencia doutros 499.539,07 euros que, nesta ocasión, están destinados a facer realidade proxectos impulsados dende Ponteareas, Bueu, A Estrada e Cambados. "Como sempre,  afirmou a presidenta Carmela Silva, a Deputación é a administración que inviste nos concellos e que garante co seu respaldo económico os servizos e dereitos da xente, viva onde viva"

O Concello de Ponteareas recibe 209.198,62 euros para a financiación da "Instalación de céspede artificial e marcador no campo de fútbol municipal en Pardellas".  Este espazo, deteriorado polo paso do tempo e o uso intensivo, terá unha renovación completa do seu "tapete". Así, vaise dotar ao campo dun novo céspede artificial, facilitando o seu mantemento e posibilitando a súa utilización en condicións óptimas. A maiores instalarase un marcador tipo "Outdoor" con transmisión de radio/cable e cunha visibilidade completa ata 120 metros.

Outros 77.440 euros irán destinados ao Concello de Bueu para a adquisición de dous aseos públicos. Un destes equipamentos colocarase na Praza de Massó, na contorna da Casa do Concello, e o segundo no Paseo María Eugenia, preto do Estaleiro de Purro. Os aseos serán accesibles, gratuítos, autolimpables e antivandálicos. Contarán cun sistema de drenaxe non visible, inodoro, barra de apoio, moble lavamáns, dispensador para papel hixiénico, perchas, papeleira e sistema de ventilación.

No Concello de A Estrada, a Deputación vai sufragar obras de asfaltado en camiños municipais por valor de 133.272,35 euros. En concreto, vaise mellorar as condicións de uso e seguridade das vías de comunicación das parroquias de Rubín, Lagartóns, Guimarei, Cereixo, Ouzande, Tabeirós, Vinseiro, Pardemarín, Olives, Curantes, Nigoi, Parada, Ribela e Codeseda. Carmela Silva destacou que "non hai un camiño ou vía rural na Estrada cuxa reparación non se teña feito con recursos da Deputación de Pontevedra".

O último destino desta nova remesa do Plan Concellos será o Concello de Cambados, que obterá 79.628,10 euros para a mellora das beirarrúas e zonas de estacionamento na rúa Sevilla, mellorando tamén as redes de saneamento e pluviais, así como as conexións das baixantes das edificacións. Neste caso trátase dunha actuación complementaria a unha primeira fase, xa executada co Plan Concellos, por valor doutros 74.433,85 euros. O ámbito de actuación comprende o tramo que vai dende a rúa Pombal ata a liña de delimitación do Conxunto Histórico-Artístico de Cambados.