Noticias

O Goberno da Deputación aproba máis dun millón de euros do Plan Concellos para outros sete municipios da provincia

A Xunta de Goberno aprobou tamén novas actuacións de conservación de firmes en 28 estradas provinciais por valor de 2,2 millóns de euros


18 xuño 2021
Aprobación de 1 millón de euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou investimentos da liña 1 do Plan Concellos por máis dun millón de euros que chegarán a sete concellos da provincia, Caldas Reis, A Lama, Cangas, A Estrada, Meaño, Cambados e A Cañiza.

Para Caldas de Reis aprobáronse 330.000 euros para o saneamento de residuais no barrio de Tivo, unha inversión que ampliará a rede existente de acordo ás necesidades de crecemento dos núcleos de poboación, completando e modernizando o servizo de saneamento do concello. Para A Lama foi aprobada unha achega de 97.500 euros cos que mellorará a drenaxe e pavimentación de varios camiños municipais na parroquia de Seixido.

No Salnés, Meaño pavimentará o camiño dos Pasales e mellorará así as condicións de circulación e de accesibilidade deste viario grazas a un investimento de 71.000 euros. A Xunta de Goberno provincial aprobou tamén para Cambados unha subvención de 105.500 euros co fin de reparar o depósito de auga de Troviscoso-Corvillon, que se atopa en mal estado de conservación.

Polo demais, Cangas recibirá unha achega de 110.000 euros para dar resposta a unha demanda veciñal ao pavimentar e mellorar os servizos da rúa Paz. A Estrada contará con 230.000 euros cos que o concello pavimentará seis vías urbanas que na actualidade presentan unha alta fisuración que afectan á súa impermeabilidade., e por último, A Cañiza realizará actuacións de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública na parroquia da Cañiza grazas a unha achega de 100.000 euros.

Conservación de firmes

A Xunta de Goberno deu tamén luz verde ás novas actuacións de conservación de firmes en tres zonas da rede viaria provincial ao abeiro do Acordo marco que regula estes traballos de mantemento dos case 1.700 quilómetros de estradas de titularidade da institución e que supón un investimento global de máis de 4,4 millóns de euros.

En concreto, as obras aprobadas abranguen traballos en 28 estradas provinciais, que transcorren por 18 concellos ao longo dun total de 167 quilómetros, cun investimento previsto de 2,2 millóns de euros..

Na Zona B (comarcas de Deza, Terra de Montes e Caldas) vanse realizar traballos por importe de 867.894 € en 12 estradas dos concellos de Silleda (5), A Estrada (4), Cerdedo-Cotobade (1), Cuntis (1) e Valga (1). En total, actuarase en 71,7 quilómetros de estradas.

Doutra banda, na Zona E (O Baixo Miño, O Condado e A Paradanta) investirase 723.060 € para as obras a desenvolver en 8 estradas dos concellos de Salceda de Caselas (1), Ponteareas (1), Salvaterra de Miño (1), As Neves (1), Mondariz (1), Mondariz-Balneario (1), A Cañiza (1) e Arbo (1). Suman un total de 47,9 quilómetros.

E na Zona F (comarcas de Vigo e O Baixo Miño) actuarase en 8 estradas de Vigo (3), Nigrán (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (1) e Tomiño (1), cun orzamento de 688.578 €. Neste caso, son 47,5 quilómetros nos que se realizarán traballos.

Carmela Silva destacou que estas actuacións súmanse ás realizadas desde 2017 a través de recursos provinciais que ascenden a "máis de 17 millóns de euros" e deixou claro que "nunca se investira tanto no mantemento dos viarios provinciais e aínda que quedan moitas cousas por facer o avance nas infraestruturas provinciais é innegable".