Noticias

O Goberno da Deputación aproba axudas por 200.000 euros destinadas ao Concello do Porriño para pavimentación de camiños municipais

A financiación enmárcase na Liña 1 de investimentos do Plan Concellos e vai destinada á mellora de camiños de Centeáns, Torneiros e Vacaria


25 abril 2020
Plan Concellos

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou achegas de arredor de 200.000 euros para O Porriño ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos. Estas servirán para financiar a mellora e a pavimentación de camiños municipais en Centeáns,Torneiros e Vacaria.

Máis polo miúdo, un total de 67.512,33 euros destinaranse ás obras en viarios de Centeáns para o acondicionamento, a mellora de drenaxe e a pavimentación destes, ademais de para a limpeza de cunetas, o barrido do firme, a mellora da capa de rodaxe e a colocación de tapas de servizos e drenaxes nunha superficie total de 6.100 metros cadrados. Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses.

No que respecta a Torneiros, o Goberno da Deputación aprobou investimentos por valor de 90.249,30 euros para pavimentar este núcleo, tamén cun prazo de execución de tres meses. Neste caso mellorarase a capa de rodaxe, colocaranse tapas de rexistro e habilitaranse zonas de aparcamento e pasos de cebra nunha superficie de 9.578 metros cadrados.

O último investimento é de 36.868,85 euros para a pavimentación de camiños municipais en Vacaria. Esta actuación tamén terá lugar nun prazo de tres meses e contempla a limpeza, a pavimentación e a colocación de tapas de rexistro e limpeza de cunetas.