Noticias

O Goberno da Deputación aproba achegas por valor de máis de 1,6 millóns de euros para Barro, Cuntis, Poio e Redondela

Máis de 1,2 millóns de euros, enmarcados na liña 1 do Plan Concellos 2020, van permitir rehabilitar antigas edificacións e impulsar actuacións de mobilidade e seguranza viaria en Cuntis, Poio e Redondela


18 decembro 2020
Xunta de Goberno Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas para catro vilas da provincia que ascenden a máis de 1,6 millóns de euros. Así, no marco do Plan Concellos 2020, destinaranse máis de 1,2 millóns de euros a Cuntis, Redondela e Poio para rehabilitar antigas edificacións e impulsar actuacións de mobilidade e seguranza viaria. Por outra banda, tamén se aprobou dirixir máis de 450.000 euros á obra de mellora da seguridade viaria na EP-0506 Curro-Portela no concello de Barro.

No caso de Poio, o Goberno provincial achegará 711.467 euros para impulsar dúas actuacións. A primeira delas, á que a Deputación achegará 160.193 euros, vai permitir finalizar a actuación integral da mellora da mobilidade e seguranza viaria no contorno dos centros de elevada atracción da Seara, actuación enmarcada no Plan DepoRemse e para a que xa se tiñan aprobado recursos por valor de 500.000 euros. Xunto a esta iniciativa, tamén se dirixirán 551.273 euros para reformar o edificio e os exteriores do pazo de González Besada para instalar alí as oficinas dos servizos sociais do concello.

En canto a Redondela, a Deputación de Pontevedra destinará 414.226 euros para adquirir a parcela anexa ao convenio de Vilavella, na praza de Ponteareas. Este espazo conta, na actualidade, cunha nave que será demolida para crear un espazo público para a cidadanía con novas zonas de esparexemento, ademais dunha edificación que será rehabilitada para usos municipais. Nesa mesma parcela crearase un espazo para estacionamento disuasorio, permitindo ao Goberno local configurar un espazo para os vehículos próximo ao casco urbano e continuar así coa transformación iniciada na vila no marco da mobilidade sustentable e recuperación do espazo público para a cidadanía.

Pola súa banda e tamén no marco do Plan Concellos destinaranse 100.000 euros a Cuntis para rehabilitar de xeito integral o edificio dos antigos telégrafos para uso municipal. Así, con esta actuación, a vila vai reformar por completo a estrutura da antiga edificación creando un espazo aberto e flexible no que se situará un espazo multiusos, unha oficina e un pequeno almacén.

A Deputación de Pontevedra ten xa concedido 40,5 millóns de euros dos 42,2 millóns de euros que tiña contemplado o Plan Concellos neste 2020. Deste xeito, a presidenta da provincial adiantou que na vindeira Xunta de Goberno terase xa distribuída a totalidade do plan deste ano.

Mellora da seguridade viaria na EP-0506 Curro-Portela (Barro)

A Xunta de Goberno tamén aprobou un novo proxecto de mellora da seguridade viaria que ascende a 453.603 euros. Mediante estes recursos vaise actuar nun tramo de 3,7 quilómetros da estrada provincial Curro-Portela, no termo municipal de Barro, que supón a renovación da totalidade do viario adaptándoo ao modelo de mobilidade amable e sostible da Deputación de Pontevedra.

Máis polo miúdo, a través deste investimento, vaise proceder á limpeza de marxes e reperfilado de cunetas; á reposición do firme, fresado e saneo; á mellora da intersección coa estrada municipal, á posta en marcha de bordos para a realización dunha semiglorieta no entronque ao inicio da estrada e á renovación da sinalización para salvagardar a debida prestación do servizo público viario