Noticias

O Goberno da Deputación aproba achegar máis de 412.000 € para o investimentos en Silleda, Meaño e Fornelos de Montes

Trátase das terceiras concesións da liña 1, investimentos, que se aproban a través das cales xa se distribuíron 745.000 € en seis concellos da provincia


18 marzo 2017
Economía

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a terceira das concesións de subvencións, ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2017. Neste caso os concellos beneficiarios das achegas son Silleda, Meaño e Fornelos de Montes que recibirán máis de 412.000 € para investimentos nas súas vilas.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que "grazas a esta liña 1 do Plan Concellos as vilas e pobos da nosa provincia poden levar a cabo investimentos que permiten dotar de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, para garantir a calidade de vida das veciñas e veciños dos concellos da nosa provincia".

En concreto, Silva fixo mencionou que Silleda recibirá 214.107,38 € para a reforma do Campo de Fútbol de Outeiriño,  Meaño 120.000 € para a adquisición de terreos para construír unha praza pública e un aparcamento en Dena e Fornelos de Montes 77.980,78 € para a mellora de drenaxes e pavimentación en camiño Fondo da Vila.

Ata o momento a Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar concesións, no marco da liña 1 do Plan Concellos 2017, para que os municipios de Barro, Mos,Salvaterra de Miño, Silleda, Meaño e Fornelos de Montes poidan levar a cabo investimentos nos seus núcleos de poboación por valor de 745.014,46 €.  A liña 1 do Plan Concellos 2017 destinará ao longo do ano un total de 25.750.000 €, o 62,5% do total do Plan, ós municipios da provincia de Pontevedra.


Novas relacionadas