Noticias

O Goberno da Deputación aproba a ordenanza para regular o funcionamento do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico que converterá a Liñares nun referente nacional e internacional

Alumnado de pos-grao e persoas investigadoras xa están a utilizar os espazos profesionais e do laboratorio do CXCA para desenvolver as súas teses


20 febreiro 2018
Pazo Liñares

O Goberno provincial de Carmela Silva segue a dar pasos para converter ao pazo de Liñares no gran referente nacional e internacional do coñecemento arqueolóxico. Así, a Comisión Informativa de Turismo aprobou hoxe a proposta de ordenanza reguladora do funcionamento e a regulación do prezo público polos servizos técnicos que se prestan no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, que irán ao Pleno da Deputación deste venres. Tanto a ordenanza do funcionamento como a regulación do prezo público dos servizos técnicos teñen por obxectivo converter ao pazo de Liñares nun eixo central internacional da investigación e coñecemento da cultura castrexa e da Idade de Ferro.

O pazo de Liñares conta con dúas zonas destinadas ao estudo da historia da provincia de Pontevedra. Por unha banda, unha área expositiva na que se concentran milleiros de pezas relacionadas cos xacementos galaico-romanos que está aberta a todo o público de xeito gratuíto. Trátase dun espazo polo que nun ano pasaron xa máis de 120.000 pezas, algunhas delas tan destacadas como o "askós" de procedencia mediterránea, un peite fabricado en óso, unha espada de bronce ou unha ánfora de procedencia bética.

Por outra banda, Liñares conta tamén cunha zona de traballo e investigación na que é posible afondar sobre o desenvolvemento histórico da provincia de Pontevedra. Este espazo, tamén visitable, está destinado ao coñecemento, estudo e á investigación, que precisa garantir unhas medidas de seguridade e control de temperatura e ambiente determinadas. Ao respecto, o vindeiro Pleno da Deputación de Pontevedra vai aprobar unha ordenanza reguladora do funcionamento así como un regulamento de prezo público polos servizos técnicos que se prestan neste Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico e cuxas propostas aprobaron esta mañá a Comisión Informativa da institución provincial.

Aínda así, poden acceder gratuitamente a este espazo de investigación aqueles grupos de centros de educación regrada non superior, pública e privada, así como membros de Universidades, públicas e privadas, en visitas organizadas por estas entidades. Tamén poden acceder de xeito totalmente gratuíto as persoas que acrediten estar realizando tarefas de investigación en centros ou universidades públicas ou aquelas outras que acrediten relevancia, interese patrimonial e conexión do servizo solicitado cos fins propios do centro, así como as que incidan na súa investigación e na difusión do patrimonio ou as que están a traballar para a protección, conservación, posta en valor e difusión do patrimonio arqueolóxico.

Deste xeito, o Goberno provincial xa está a poñer a disposición do persoal investigador as instalacións do pazo de Liñares para que poidan empregar os medios técnicos e equipamentos do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico. Máis polo miúdo, o centro conta, nestes momentos, con tecnoloxía especializada no tratamento de bens mobles de natureza arqueolóxica, desde unha sala de fotografía ata binoculares do centro, do adaptador de cámara de foto e vídeo, espazo na cámara frigorífica, a campá extractora de gases no centro, así como o uso de estufas e espazos de almacenaxe, fotocopiadoras e escáneres, cuxas propostas de prezos públicos acaba de aprobar esta mañá a Comisión Informativa de Economía, Facenda e Réxime Interno da Deputación de Pontevedra.

Ademais da posta a disposición de persoal investigador dos espazos e materiais do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico do pazo de Liñares, o Goberno de Carmela Silva pon a disposición de todas as persoas que o desexen visitas didácticas que permiten coñecer o traballo de investigación e os seus resultados. Tamén está a impulsar unha oferta formativa, mediante un convenio coa Escola de Restauración de Pontevedra, para o perfeccionamento dos e das profesionais do patrimonio en diversos contidos e técnicas de xestión, protección, conservación, restauración e documentación sobre bens arqueolóxicos da Idade de Ferro.

Deste xeito, a Deputación de Pontevedra está a converter ao pazo de Liñares nun centro punteiro para o coñecemento dos restos atopados en Galicia en xacementos galaico-romanos que está a situar ao Deza nun espazo único no mundo para o estudo, catalogación e preservación da ampla riqueza castrexa da nosa terra.