Noticias

O Goberno de Carmela Silva destina 60.000 euros a Ponteareas a través do Plan Concellos 2017 para adaptar os espazos do auditorio municipal

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou axudas valoradas en máis de 400.000 euros para os concellos de Cangas, Tui e Ponteareas


04 xuño 2017
Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de case 420.000 euros no marco da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017 para que tres concellos da provincia poidan acometer catro novos investimentos nos seus termos municipais. En concreto, benefícianse destas achegas as vilas de Cangas, Tui e Ponteareas. Grazas a estes investimentos, estas tres vilas poderán levar a cabo reformas de rúas así como proxectos en espazos públicos destinados a reunións, ao deporte e á cultura.

No caso concreto de Ponteareas, a capital do Condado recibirá unha axuda de 60.658,43 € para a redacción da memoria descritiva e valorada que permitirá adaptar espazos no auditorio municipal coa finalidade de convertelos en locais nos que manter reunións de persoal. A aprobación desta achega, sumada ás xa aprobadas ata o momento neste concello, significa que Ponteareas xa recibiu un investimento total de máis de medio millón de euros (532.112,63 euros, concretamente). Esta cantidade, ademais, supón que xa ten á súa disposición preto do 50 % do orzamento que lle corresponde a Ponteareas do Plan Concellos 2017, isto é, algo menos de 1.150.000 euros en total.

A presidenta Carmela Silva subliñou que "coas axudas que aprobamos esta mañá, que ascenden a 420.000 euros, levamos xa distribuídos case 14 millóns de euros, é dicir, o 53,25 % da liña 1 que, como saben, este ano ten un orzamento de 25.750.000 euros". A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a importancia destas achegas "sen as que os concellos da nosa provincia dificilmente poderían facer fronte ás súas competencias, impulsar novos investimentos ou novos proxectos en beneficio das súas veciñas e veciños".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aproveitou para lembrar que "este ano o Plan Concellos ten unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no 2016 e que, entre as súas tres liñas estratéxicas, leva aprobados xa máis de 32,5 millóns de euros desde xaneiro, é dicir, o 78,88 % do plan".