Noticias

O futuro Museo do Xoguete e a Marioneta de Lalín comeza a tomar forma co proxecto de musealización financiado pola Deputación

O deputado Santos Héctor asiste á presentación da nova museografía e aplaude a inclusión dun espazo destinado a fomentar a igualdade e o xoguete non sexista


17 decembro 2020
Visita ao Museo do Xoguete e a Marioneta de Lalín

O Museo do Xoguete e a Marioneta de Lalín, situado no Pazo de Liñares, está máis cerca de tomar vida tralo remate do  proxecto de musealización, financiado pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos cun investimento de 72.500 euros. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Xosé Crespo, acompañado da concelleira de Cultura, Begoña Blanco visitaron hoxe as instalacións.

O proxecto museográfico adiantouse á propia chegada das coleccións de xoguetes e marionetas a exhibir, polo que hoxe visitáronse os recursos museográficos, como as proxeccións audiovisuais, vitrinas, mesas, paneis e outros elementos do mobiliario e a sinaléctica, que ocupan dous terzos da superficie do pazo. O Concello está xa a traballar nos contidos coa idea, segundo adiantou o alcalde, de inaugurar oficialmente o Museo ao longo do ano 2021.

Santos Héctor destacou que "falar de Liñares é falar de Lalín" e, ademais, remarcou que xa acolle o  Centro de Interpretación da Cultura Castrexa, que xestiona a Deputación. Unha alianza institucional que refórzase con este proxecto de musealización, un traballo que cualificou como "de primeirísimo nivel, feito con coñecemento e cos mellores asesores", "así que estou seguro de que o Museo do Xoguete e a Marioneta vai ser un éxito". Ademais, aplaudiu que o futuro Museo vaia acoller un espazo dedicado á perspectiva de xénero no mundo do xoguete.

Xosé Crespo explicou que trala marcha da asociación "Reviravolta" como anteriores xestores do Museo da Marioneta, o Concello tomou a decisión de reflotalo como Museo do Xoguete e a Marioneta. "Agora temos o contenedor e hai que dotalo de contido", explicou.  O alcalde volveu loubar a flexibilidade do Plan Concellos "que vale para moitas cousas" e xustificou a realización dos traballos de musealización con anterioridade á adquisición ou cesión das coleccións a expoñer pola necesidade de non perder a subvención concedida pola Deputación. Neste eido asegurou que o Concello "non traballa en baleiro" e ten en marcha moitas ideas. "O Museo vai ser algo distinto do que había e que pagará a pena ver", adiantou.

Un percorrido por 9 salas repletas de imaxinación e ilusión

O proxecto museográfico aséntase sobre un total de nove salas ofrecendo un percorrido que comeza no andar baixo, coas dúas primeiras salas, que nos introducen ao mundo da marioneta e o xoguete baixo o epígrafe "Viaxe pola imaxinación e á ilusión". Estes espazos dispoñen de paneis nas paredes con explicacións breves. Algúns deles son "máxicos" e sorprendentes. Hai obxectos recortables suspendidos do teito en formato móbil, xunto con proxeccións de "gobos" (discos perforados que permiten proxeccións de gran tamaño) que reproducen efectos de ilusión. A vitrina dun ángulo crea un efecto de sombra china. Finalmente, proxéctase un audiovisual sobre o mundo da imaxinación en tódolos tempos e culturas.

Na entreplanta achegámonos a "O mundo do xoguete" e "A evolución do xoguete". Expóñense xoguetes colectivos, de exterior, simbólicos, de construción, de guerra, mecánicos, científicos, con movemento, modelismo... Esta parte está complementada cunha interesante reflexión sobre a perspectiva de xénero e os estereotipos sexistas asociados ao xoguete. Aquí tamén atopamos referencias ás evidencias arqueolóxicas.

No andar primeiro hai salas cos eixes "Orixe e historia das marionetas", "Marionetas do mundo", "Marionetas e tradición popular e as marionetas en Galicia", "Como se fabrican as marionetas?" e, finalmente, "O Pazo de Liñares". Nelas descobremos os títeres, o guiñol e a marioneta, xa con brazos, corpo e pernas móbiles accionadas polo marionetista. A museografía inclúe tamén a habilitación dun pequeno teatro ao fondo para celebrar espectáculos de marionetas e sombras chinescas.  Nos muros perimetrais hai grandes vitrinas de exposición que ofrecen unha escolma de marionetas de diversos países e unha homenaxe a Barriga Verde (José Silvent), "titiriteiro" que percorreu Galicia a principios do século XX.

A última estancia está dedicada á historia do Pazo. Alí fica a gran lareira, así como mesas e cadeiras do espazo da Biblioteca. O Pazo, que data do século XVII, remítenos a Álvaro Núñez Taboada, pero tamén a Emilia Pardo Bazán, que visitábao a miúdo e cualificouno como "El Palacio del Recuerdo" nun dos seus escritos.