Noticias

O Festival Internacional de Jazz de Cangas entre os certames con financiación ao abeiro das axudas a festivais de música e de artes escénicas

O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, anunciou que Cangas conta con catro solicitudes aprobadas ao abeiro desta liña de axudas


10 agosto 2018
Canjazz, Festival de Jazz en Cangas

Esta mañá presentouse no Concello de Cangas o XXI Festival Internacional de Jazz que terá lugar entre os días 19 e 22 de agosto nesta localidade do Morrazo.

Na presentación participaron dous membros da organización, Iago Fernández e Xan Campos, o alcalde, Xosé Manuel Pazos, o concelleiro de Cultura, Heitor Mera, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. O deputado nacionalista aproveitou a súa intervención para anunciar que o Canjazz "é un dos festivais consolidados da provincia que conta co apoio da Deputación a través das axudas a festivais de música e artes escénicas que vimos de aprobar esta mañá en Xunta de Goberno". Leal asegurou que "este evento encaixa nos obxectivos destas bases polos valores que atesoura, polo número de edicións, pola calidade da programación e polo seu carácter internacional". O deputado lembrou que con estas axudas, dáse apoio a eventos consolidados da provincia, que se desenvolven ao longo de varias xornadas, e que contemplan actividades paralelas orientadas á formación de novos públicos. Leal anunciou ademais que Cangas destaca no número de solicitudes aprobadas con catro festivais patrocinados: o Canjazz, o Vilariño Folk, o Kanekas Metal Fest, e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Tanto o rexedor da localidade como o concelleiro de Cultura coincidiron en salientar que "o Canjazz é xa un evento de referencia tanto no país como a nivel internacional". Xosé Manuel Pazos indicou ademais que "cando un festival coma este chega á súa 21 edición non é casualidade, é porque detrás ten unha organización que traballa con ilusión, cunha grande capacidade de traballo e cun público que o sustenta". Mentres, Heitor Mera cualificou esta cita como "un referente histórico da programación e do modelo cultural cangués."

Ao igual que en anteriores edicións, o Canjazz inclúe master classes, obradoiros, jam sessions e concertos de noite. Os organizadores fixeron públicas as principais actuacións nocturnas e anunciaron que as jam sessions se farán públicas no concerto do vindeiro domingo a cargo de Javier Marcos Trío – será no restaurante e terraza Menduíña ás 20h-. Nas actividades paralelas destacan os obradoiros, un deles para nenas e nenos sobre improvisación e outro de iniciación ao jazz para persoas que xa teñen algún coñecemento mínimo dalgún instrumento, e as catro master classes programadas para os días 20, 21 e 22. O día 20 pola mañá a master class correrá a cargo da cantante estadounidense Erin Corne e versará sobre técnicas de canto, e pola tarde será a quenda do contrabaixista grego Petros Klampanis sobre como atopar a voz propia como artista. O día 21 será David Aristegui o encargado de falar sobre os dereitos de autor, e o día 21 o batería Jeff Williams dará unha clase práctica de combo. Tanto para os obradoiros como para as master classes, as inscricións poden formalizarse no enderezo jazzcangas@gmail.com.

En canto aos concertos, o domingo 19 o festival será inaugurado pola Orquestra de Jazz de Porto, no que significará a volta dunha grande banda a esta cita. O luns chegará o trío capitaneado polo contrabaixista Petros Klampanis, o martes será a quenda para o cuarteto encabezado pola frautista coruñesa María Toro, e o mércores para o quinteto do contrabaixista arxentino asentado en Portugal Demian Cabaud. Tamén o mércores ás 19h no Salón de Plenos da Casa do Concello terá lugar unha mesa redonda baixo o título ‘A música é traballo' na que participarán David G. Aristegui e Manuel Alonso.

Liña de axudas

Os festivais beneficiarios das axudas aprobadas esta mañá, no campo musical, son o XVIII Festival Xironsa, promovido pola Asociación Cultural Corbillón de Cambados, con 8.246,56 euros; o Canjazz 2018 de Cangas organizado pola Asociación de Jazz de Cangas, con 9.178,78 euros; o Vilariño Folk de Cangas, con 7.000 euros, organizado por a Asociación Cultural O Gato; o Festival Armadiña Rock da Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña de Poio, con 12.549,12 euros; o XII Festival Alternativo Millo Verde de Redondela, con 8.031,43 euros; o Festival IKFEM Eurocidade de Tui-Valença, da Asociación Xuventudes Musicais de Tui, con 10.182,71 euros; o XV Revoltallo de Música Emerxente de Vigo, con 5.378,19 euros; o Festival Rockin'Vila, con 4.804,52 euros, organizado pola Asociación Cultural PIB Crew (Vilanova de Arousa); a III Edición Vilablues da Asociación Cultural Galiza Blues de Vilagarcía de Arousa con 9.680,75 euros; o IX Kanekas Metal Festa da Asociación Cultural Morrazica de Cangas con 3.585,47 euros; o Morrasound Rock Festival da Asociaicón Cultural Fontenla de Moaña, con 7.242,63; o IV Festival Intercéltico O Son do Pazo do Círculo Cultura e Deportivo Santa Eulalia de Mos, con 2.868,37 euros; O Festival Rock In Río Tea da Asociación Xuvenil Falcón D'Ouro de Ponteareas, con 8.963,65 euros; e o Festival Groba da Asociación Ponteamusica de Ponteareas, con 6.955,80 euros.

No eido do teatro, as axudas foron para a XXXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas da Asociación Cívica Cultural Xiria de Cangas, con 11.832,02 euros, e para a XIX edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela, con 13.5000 euros.

Estaba establecido nas bases que as subvencións estaban especialmente concibidas para promover certames que difundan teatro e música en galego e que se levaran a cabo, como mínimo, en dúas edicións consecutivas nos tres últimos anos.

Trátase dunha liña de axudas que se convocara no pasado exercicio por primeira vez, co obxecto xenérico de impulsar os sectores das artes escénicas e musicais, por considerar que se trata de elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da provincia.