Noticias

O festival de música emerxente "Revoltallo" incorpora o jazz como novidade na súa XXIV edición

Comezará este venres na parroquia viguesa de Valadares e ademais de concertos inclúe obradoiros formativos e actividades para todos os públicos


18 setembro 2017
Revoltallo

Entre o 22 e o 24 deste mes, a parroquia viguesa de Valadares acolle o Festival de Cultura Emerxente "Revoltallo" que nesta edición incorpora o jazz como novidade, así como obradoiros formativos e actividades complementarias para toda a familia. O festival foi presentado esta mañá pola presidenta do C.V.C. de Valadares, Ana Pérez, polo presidente da Asociación Xuntanza Xuvenil, Diego Monroy, polo responsable da programación, Carlos Alonso, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

O deputado nacionalista lembrou que o "Revoltallo" é un dos festivais apoiados desde o seu Departamento na liña de subvencións para festivais de música en galego. "Trátase de premiar e impulsar aqueles festivais que apostan pola música na nosa lingua e que ao mesmo tempo incorporen actividades complementarias para todas as idades" asegurou Leal. Neste sentido, o presidente de Xuntanza Xuvenil, Diego Monroy, incidiu en que nesta edición hai espectáculos de contacontos, maxia e clown orientados a público familiar, e obradoiros formativos sobre diversos instrumentos co obxectivo de que as persoas que participen poidan mellorar o manexo do instrumento no que se inscriban. A incorporación das actividades complementarias son un dos factores que, segundo indicou Xosé Leal, "fará que este festival manteña a súa presenza entre o público xuvenil e ao mesmo tempo sexa máis inclusivo para toda a familia".

O festival, que terá lugar no Centro Cultural de Valadares e nos espazos estremeiros ao mesmo, tamén incorpora como novidade o jazz, coa actuación de Xan Campos Trío, ás 22 h o sábado. Ademais desta novidade, o responsable da programación, Carlos Alonso, indicou que o cartel está "orientado a música xuvenil pero non exclusivamente" e que "algunhas das formacións nunca tocaron en Vigo, porque todas fan unha aposta clara pola lingua galega, e desafortunadamente esta cidade non destaca por darlle cabida". Así, o venres tocará a formación "Áureas en voga", composta por cinco músicas que veñen de ser premiadas na edición deste ano nos Premios Martin Códax da Música. O sábado será a quenda de Caramuxo Vermello, Ultraqans, Oh Ayatollah, Monolious Dop, e Noite Fechada. O domingo, quenda para o concerto de despedida a cargo de David Regueiro Trío (música manouche).

Os obradoiros formativos contemplan masterclass sobre baixo eléctrico, guitarra eléctrica, canto, batería e a informática aplicada á creación musical. As persoas que desexen inscribirse poden facelo no enderezo cvallada@ctv.es ou no teléfono 986 467 053. Os obradoiros serán de balde e cada participante deberá aportar o seu propio instrumento.

Tanto os concertos como as actividades formativas e as actividades para público familiar buscan, ademais, o duplo obxectivo de "dar a coñecer grupos de todos os estilos e con menos saída comercial, e ao mesmo tempo achegar a cultura á nosa parroquia" indicou Diego Monroy. Tanto o presidente de Xuntanza Xuvenil como a presidenta do C.V.C. de Valadares, Ana Pérez, manifestaron o seu desexo de que a cita conte cunha elevada participación, tanto de xente da parroquia como de público da contorna. A organización tamén aproveitou para salientar as posibilidades do Centro Cultural para acoller este tipo de eventos, nomeadamente o Auditorio, así como a explanada anexa, incidindo no acceso doado e a capacidade de aparcadoiro da que dispoñen.