Noticias

O Festival de Cine Inclusivo protagonista dunha fin de semana na que a Deputación enche á provincia de lecer cun amplo abano de actividades

Amais do Festival de Cine Inclusivo da marca Rías Baixas Film Fest, a Deputación ten programadas ata o domingo cinco actividades culturais e deportivas en Vigo, Silleda, Soutomaior, Poio e A Guarda


14 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra mantén a súa firme aposta pola cultura e o deporte cunha interesante oferta de lecer na que leva actividades a cinco concellos da provincia. Serán Vigo, Silleda, Soutomaior, Poio e A Guarda os que acollerán, ata o domingo, programas provinciais como "Musigal", "Tornar as Táboas", "Visitas Caracterizadas", "DepoRutas BTT" e unha nova cita dos "Rías Baixas Film Fest", a protagonista indiscutible da fin de semana.

O Festival de Cine Inclusivo está a facer de Vigo o punto de encontro dos amantes da sétima arte. Incluído na marca da Deputación, baixo a que se agrupan os eventos máis destacados do audiovisual, o certame dá a coñecer, apoia e valora os proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal do cine. Dedica a súa sexta edición á saúde mental, e conta na súa programación con actividades paralelas ás proxeccións que crean conciencia sobre a inclusión no seu aspecto máis amplo. Os "Rías Baixas Film Fest" completarán o seu cartel co festival "Novos Cinemas", que terá lugar  do 14 ao 19 de decembro.

Polo demais a fin de semana encherá de música o concello de Silleda coa programación de "Musigal". Será o domingo 17, ás 19.30, co concerto de Odaiko.  A Deputación tamén reafirma o seu interese de achegar as artes escénicas aos concellos con outras dúas sesións de "Tornar as táboas". O venres 15, ás 20.30, ButacaZero ofrecerá o seu espectáculo "Velliñas" en Poio e, o domingo 17, ás 21.00, será a quenda de A Tropa de Trapo, que interpretará "Catro monos" en Soutomaior. Finalmente, no eido do deporte, terá lugar o domingo a última das "DepoRutas BTT", o programa provincial que fomenta os hábitos saudables a través da practica da actividade física e o contacto coa natureza. Será a quenda da Ruta da Costa do Atlántico, na Guarda, e como as anteriores, tratarase dunha ruta neutralizada e sinalizada na que os/as participantes deberán seguir o itinerario e ritmo marcados pola organización.