Noticias

O espectáculo dramático ‘Invisibles' chega mañá á Estrada da man da Deputación de Pontevedra para visibilizar a violencia machista

O acto, ao que asistirá a deputada provincial Noemi Outeda, terá lugar no Teatro Principal da Estrada, ás 19.00 horas


28 setembro 2019
Invisibles

A Deputación de Pontevedra organiza mañá, 29 de setembro, ás 19.00 horas, o espectáculo dramático Invisibles, da compañía Redrum Teatro. O evento, que terá lugar no Teatro Principal da Estrada e ao que asistirá a deputada provincial Noemi Outeda, terá unha duración aproximada de 90 minutos e poñerá no punto de mira a invisibilidade que sofren os culpables de agresións machistas en contraposición coa exposición á que se ven abocadas as vítimas ante a sociedade.

O espectáculo Invisibles, dirixido por Marián Bañobre, articúlase ó redor da novela homónima de Montse Fajardo e presenta ante o público sete testemuñas reais cun fío común entre elas: a violencia machista. A obra, coproducida por Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade de Pontevedra e a Deputación da Coruña, recibiu nos XXIII Premios de Teatro María Casares tres galardóns nas categorías de mellor dirección, iluminación e adaptación-tradución.

Invisibles, orientada a un público adulto e adolescente maior de 12 anos, concentra unha gran dose de conciencia crítica e cuestiona a realidade que envolve a trama para procurar transformala a través da sensibilización do público con respecto á lacra da violencia de corte machista. Ademais do Teatro Principal da Estrada, a peza tamén visitará o Salón Teatro de Lalín o 27 de setembro, ás 21.30 horas, e o Auditorio Municipal de Cangas o 21 de setembro, ás 21.00 horas.

Redrum Teatro, a compañía encargada da proposta, é unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos teatrais e edición de libros que leva en activo desde o ano 2009. Pola súa banda, a autora Montse Fajardo posúe unha traxectoria literaria e vital moi ligada ó ámbito da igualdade e a memoria histórica, con obras como Matriarcas ou Un cesto de mazás.