Noticias

O Entroido do Grove contará co material das campañas de igualdade da Deputación

A institución provincial achegará todos os elementos informativos de "Lembra, eu decido, ti respectas" aos puntos morados da festa desde o sábado 2 marzo ata o martes 5


26 febreiro 2019
Campaña contra as agresións sexuais

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, está a colaborar co Concello do Grove na colocación dos puntos morados de información sobre as violencias machistas durante as festas de Entroido e para iso poñerá á súa disposición o material das campañas de "Lembra, eu decido, ti respectas", que están dirixidas tanto a mozas como a mozos.

Con elas pretendese concienciar a poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade e repártese material explicativo no que se mostran con claridade os límites ante posibles agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. O material estará dispoñible desde o sábado 2 de marzo, no Pavillón Municipal, ata o martes día 5, na rúa peonil Castelao. Ademais en días previos tamén repartiranse folletos e adhesivos entre o alumnado, a partir de 3º da ESO, dos Institutos IES Monte da Vila e o IES As Bizocas.

Desde o pasado mes de agosto, as campañas de igualdade dos #RíasBaixasFests e o seu material divulgativo pode ser utilizado por todos os concellos que así o soliciten á Deputación e así chegou o pasado ano a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Pontecaldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros. De feito, os puntos de información nos festivais atenderon este pasado verán a máis de 8.000 persoas.