Noticias

O documental "Acorda" sobre a memoria histórica da provincia de Pontevedra chega este venres ao Ourense Film Festival con opcións ao Premio Xacobeo

A peza estrarase oficialmente dentro do ciclo ‘Panorama Galicia' no Teatro Principal ourensá de maneira previa á gala de clausura


27 setembro 2021
Acorda Pontevedra

O documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra', a peza audiovisual que pretende poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música producida polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, chegará este venres ao Ourense Film Festival con opcións a gañar o Premio Xacobeo á mellor produción galega.

‘Acorda' estrearase oficialmente no Teatro Principal ourensá, ás 17 horas, de maneira previa á gala de clausura da sección oficial do festival, onde se entregarán todos os galardóns. Optará ao anterior Premio Galicia, que nesta edición pasou a denominarse Premio Xacobeo, un galardón transversal para calquera película de produción ou coprodución galega que participe no certame e que será concedido por unha comisión formada pola Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, e dado a coñecer, a diferenza dos outros premios, no mesmo momento da gala.

A produción pontevedresa será proxectada dentro do ciclo temático ‘Panorama Galicia', no que tamén se incluíron pezas como Clown's planet, de Héctor Carré, Devolvendo o golpe de Carlos Prado; Doppelgänger, de Paco Guitián e Tadeo Publieso; El encuentro, de Marcos Fernández; No hay futuro, de Ignacio Benedetti; Capuchóns de Íñigo Rolán; Os tempos mortos (do Fürer) de Daniel R. González, Polavisión: un fallo instantáneo, de Álex López; Tierra de leche y miel de Héctor Domínguez, Carlos Mora e Gonzalo Recio; e finalmente Persoas SA de Carmen PG Granxeiro, sendo a única que aborda a temática da memoria histórica no país.

A peza documental xurdiu trala idea orixinal do Departamento de Memoria Histórica provincial dirixido por María Ortega, quen outorgou a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, xunto a Lucas Terceiro na realización, a Lois Pérez no guión e a Montse Fajardo como asesora de contidos.

No proxecto participan voces moi diversas e reivindicativas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán'), entre outros, xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés.

Espazos

Os espazos escollidos para a gravación de ‘Acorda' foron a antiga Escola Normal en Pontevedra, lugar onde se traballaba nos valores de liberdade; a Ponte Regueiro, na Estrada, onde asasinaron a veciños da comarca de Deza-Tabeirós e do Salnés; para seguir ata o Pozo da Revolta, en Marín, onde se fala da represión contra as mulleres; a praia de Massó en Cangas onde foron arroxados os mártires de Anguieiro, e onde se representa o trauma que para as familias supuxo non poder chorar ás vítimas; a praia de Alcabre (Vigo), onde se fala do sufrimento das mulleres que quedaron e a súa loita porque se lles faga xustiza, para que se loite contra a impunidade; a Bombardeira ou Volta dos nove, onde están as nove cruces que durante décadas apareceron pintadas na curva de Baredo, onde foron asasinados nove homes, como acenos de resistencia; a Volta da Moura, onde se pon de manifesto a necesidade que ten a xeración neta e bisneta de rachar co silencio, para que non se dea un paso atrás na loita contra os fascismos; e finalmente a Illa de San Simón, o gran símbolo da memoria e a solidariedade na Galiza, nunha reclamación para que sexa denominada ‘Illa da Memoria'.