Noticias

O director da DXT, Pere Navarro, cualifica Ágora de "política de altura" para recuperar o espazo público

O deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, reuniuse hoxe en Madrid co máximo mandatario da DXT e co director do Observatorio de Seguranza Viaria, Álvaro Gómez, que manifestaron o "aliñamento 100 %" dos principios Ágora coa seguranza viaria


11 xuño 2021
Pere Navarro

O director xeral da Dirección Xeral de Tráfico, Pere Navarro, cualificou hoxe en Madrid o proxecto Ágora da Deputación como "política de altura" para recuperar o espazo público e mellorar a calidade de vida nas vilas e cidades. Así o manifestou na reunión que mantivo co deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, o asesor de mobilidade da Deputación, Jesús Fole, e o director do Observatorio Nacional de Seguranza Viaria, Álvaro Gómez.

No encontro Navarro destacou que unha das materias pendentes das cidades é mellorar o seu deseño para aumentar a seguranza viaria, polo que Ágora pareceulle unha iniciativa perfecta para poñer en marcha un cambio de paradigma reducindo os vehículos a motor e potenciar o uso de mobilidades naturais.

O director da DXT insistiu en que se os principios Ágora coinciden plenamente cos obxectivos do organismo que dirixe e salientou que a idea de ‘as persoas primeiro' e o resto deben aplicarse "de maneira transversal porque son o futuro". Louvou que o da Deputación é un proxecto que se aplica en concellos pequenos como os da provincia de Pontevedra e que é "exportable e transmisible" a outras localidades do resto do Estado español. De feito, comprometeuse a visitar a Deputación de Pontevedra e a provincia para comprobar in situ o traballo que se está a facer e puxo sobre a mesa as bases para colaborar en varias iniciativas conxuntas.

Navarro tamén aproveitou para destacar o traballo que está a facer a DXT na limitación da velocidade a 30 km/h nas cidades, cuestión defendida por Ágora (que reduce incluso a 10 km/h). Lembrou que o Concello de Pontevedra aplica as limitacións dende hai anos e parabenizouse de que nestes momentos a nova normativa estatal estea fóra do debate político. 

A reunión de Benítez con Pere Navarro na DXT forma parte da xira que está a realizar en Madrid para dar a coñecer o proxecto Ágora ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e outras entidades estatais. Polo de agora, a receptividade en todos os organismos está a ser total.